Este mércores 30 de outubro (19:30 horas) celebrarase no local de Évame Oroza a presentación do libro «A dama que fala» do Grupo de Comunicación Poética Rompente.
Coma sempre sucede con Rompente, será unha presentación sorprendente, con acceso libre ata encher aforo no local, situado na Rúa Subida á Costa, 5, na Praza do Abanico.
Dadaísmo, surrealismo, rabudismo, inconformismo, rupturismo, rompentismo. Diso vai «A dama que fala». Este libro de Rompente é a reedición do último publicado polo grupo en 1983, antes de separarse. Antón Reixa, Alberto Avendaño e Manuel M. Romón reuniron baixo o toldo de “A dama” (un espectáculo que tivo varias versións) a parte da vangarda artística de Galicia daquel tempo: os artistas plásticos Menchu Lamas, Antón Patiño, Ánxel Huete e Guillermo Monroy e os compositores Enrique X. Macías e Julián Hernández.
Cumpridos xa os 40 anos da primeira edición, cómpre mergullarse agora na “perturbación Rompente” cun libro onde se recuperan os textos orixinais e a pegada estética de Lamas e Patiño. Neste volume inclúese tamén un apéndice documental que quere axudar a visualizar aquel tempo de grandes preguntas e silenciosas
perplexidades. Se cadra, igual ca hoxe.
Rompente
Antón Reixa, Manuel M. Romón e Alberto Avendaño conforman o Grupo de Comunicación Poética Rompente entre 1976 e 1983. As súas actividades interdisciplinarias (espectáculos nos que fan da man da literatura, música e artes plásticas) levaron a expresión poética en lingua galega a outra dimensión nos anos da transición política española. En 2019, os tres poetas retomaron, despois dunha longa traxectoria en solitario, as súas actividades literarias conxuntas, publicando en 2023, Que hostia din os rumorosos?, aínda que (aseguran) seguen falando sós.