Reunido o Xurado do Premio de Textos Teatrais Roberto Vidal Bolaño, composto por José Luis Baños de Cos, dramaturgo; Ana San Fernando, actriz; Delio García Represas, profesor e coordinador dos Contratos programa de Teatro do IES Ribeira do Louro; e Raquel Castro, escritora e profesora, como secretaria do xurado, con e sen voto; o xoves 16 de maio, na sede da Editorial Galaxia decide declarar gañadora desta VII edición a obra Fóra de campo que unha vez aberta a plica, resultou ser da autoría de Rosalía Fernández Rial.
O xurado destaca da peza a súa temática acaída ao premio porque trata o perigo das redes sociais e o poder que exercen na creación da identidade da mocidade. Destacan tamén valores como a sororidade e a detección precoz do acoso.
Todo isto é transmitido a través dunha linguaxe actual e axeitada ao público ao que vai dirixida.
Este venres 24 de maio, celebrarase, ás 19:00 horas, no IES Ribeira do Louro do Porriño, a gala de entrega do premio.
Este certame nace pola necesidade de fomentar a escrita de textos teatrais dirixidos ao alumnado de ESO e Bacharelato.
Por iso, o Concello do Porriño, o IES Ribeira do Louro e a Editorial Galaxia, convocan este certame coa finalidade de crear un fondo de textos teatrais susceptibles de ser representados e lidos por alumnado do ensino secundario.
Asemade, quérese ao mesmo tempo honrar a figura de Roberto Vidal Bolaño que tanto contribuíu a engrosar o corpus do teatro galego.
Obradoiros nos institutos para prevenir adiccións
Por outra banda, os estudantes de 4º de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) do Porriño -un total de 223- participan en obradoiros de prevención de adiccións, organizados polo Concello xunto coa Conxellería de Sanidade.
Baixo o lema “Non pasa nada, pasa algo?”, a Asociación Érguete foi a encargada de impartir esta actividade.
“Queremos que aprendan todas as realidades que pode agochar un problema de adicción e tamén que entendan a importancia de saber dicir que non”, destacan na Asociación.
Con estos obradoiros, O Porriño pon fin ás formacións levadas a cabo nos centros de ensino do Porriño e Mos ao aveiro da subvención da Consellería de Sanidade en materia de Prevención de Conductas Adictivas ao longo do curso 23/24.
Os obradoiros destináronse a nenos/as, mozos/as, ás súas familias e aos propios centros, promovendo actividades en positivo e informando adecuadamente e por profesionais dos riscos que supoñen o alcol, o tabaco e os distintos tipos de drogas, así como dos novos tipos de adiccións na nosa sociedade que chegan da man das novas tecnoloxías, como o xogo online, os videoxogos e a redes sociais.
Proporcionar ferramentas de autocoñecemento, de resistencia á presión do grupo ou de traballo en equipo, facer que eles sexan quen de pór en valor alternativas de ocio saúdables ou formar familias e mestres que colaboren nesta prevención e na supervisión dos proxectos dos mozos/as, son os obxectivos destas formacións.
“Dende o Concello traballaremos para que as novas xeracións exploren todo o seu potencial sen os límites e as ataduras que supoñen as adiccións”, indica Teresa Veloso, concelleira de Sanidade.