Rosalía de Castro paseou este luns polas rúas do Casco Vello e chegou ás portas da imprenta viguesa Compañel, onde no ano 1863 veu a luz a obra «Cantares Gallegos». Esta foi unha das paradas organizadas pola Deputación de Pontevedra para conmemorar o nacemento da escritora galega «universal».
Rosalía, encarnada por Tero Rodríguez, estivo acompañada por Modesto Brocos (interpretado por Lucho Penabade, que coa actriz forma Os Quinquilláns), un dos artistas galegos do século XIX «co que a historia ten unha débeda», como destacou Carmela Silva, e o autor do retrato que «permite que hoxe todos teñamos unha figura de Rosalía».
Carmela Silva destacou na recepción que «Rosalía era unha muller que amaba a súa terra e a xente da súa terra, e denunciaba as inxustizas que padecíamos como pobo». A presidenta da Deputación incidiu en que tamén tiña «unha mirada optimista sobre Galicia».
Recalcou o feito de que «o pensamento de Rosalía está sempre vixente» e citou como exemplo a súa crítica «á dureza das migracións» e o seu feminismo, e que hoxe seguen de actualidade. «Hoxe temos que loitar contra esa barbarie que pretende negar que o ser humano é ante todo ser humano e que os valores da humanidade teñen que ser os que garantan que vivimos nunha sociedade avanzada», dixo a presidenta en referencia ás migracións.
«E Rosalía foi unha feminista. Moitos dos seus escritos así o deixan ver con claridade». Para concluír, subliñou que neste 24 de febreiro «celebramos o nacemento da muller que nos representa como pobo e que defendeu a nosa lingua, que temos que seguir reclamando como a que constrúe o pensamento auténtico do que nos sentimos tan orgullosas e orgullosos». «Coñezo poucos lugares no mundo onde unha muller sexa referente, iso nos fai aínda máis auténticas», lembrou.