Persoalmente Blanco Amor sempre foi un dos meus pequenos praceres culpables, xunto coa literatura inglesa e francesa do XIX e comezos do século XX. Ou a xeración do 27, idade de plata da cultura española, espertar da liberdade tristemente truncado. Cando comezamos a traballar en Pvlse Vigo no verán pasado comentamos de facer algo o 1 de decembro cando cumpríanse os 40 anos da morte do escritor en Vigo. Ó final, por coincidir co día mundial contra o VIH/Sida, non fixemos nada un pouco confiando en que o Concello realizaría algunha exposición ou algún acto aproveitando que na cidade temos un tesouro arquivistico infrautilizado na Fundación Penzol. Ó final, nin nós, nin o Concello fixemos nada. Terrible erro de cáculo pola nosa parte.
Durante o confinamento dende a asociación estamos a facer moitas iniciativas para desfrutar dende a casa. Celebrámolo día da visibilidade trans, o día da visibilidade lésbica, o día contra o acoso escolar e finalmente para o 17 de maio tamén estamos preparando varios proxectos co motivo do día mundial contra a homo, bi e transfobia. Como coincide co Día das Letras Galegas pareceunos interesante recoller un pouco a figura de Eduardo. Lembremos o valor de Blanco Amor, na última entrevista que concede a Maribel Outeriño en 1979 chamando a loitar pola derogación da lei de peligrosidade social que relegaba ás persoas diversas afectivo-sexuais a delincuentes comunes.
A través das colaboracións que participan en “Eduardo Blanco Amor. Primavera permanente” descubriráse un Blanco Amor que nunca foi valorado en toda a súa dimensión humanista nin en vida, nin en morte. Tamén que hai moita mitoloxía arredor de como morreu, ou que a súa obra non está o suficientemente estudiada a nivel sociolóxico ou como proto-activismo LGTBIQ na literatura galega. Foi rexeitado por homosexual tanto pola dereita, como pola esquerda que non o recibiu como se merecía o retornar do seu exilio.
Este traballo desdebuxa o mito e nos achega á persoa, e o mesmo tempo tamén agocha a persoa e engrandece o mito. A súa figura merece máis que unha rúa co seu nome, ou un premio literario, agora por fin apadriñado de xeito permanente por unha fundación ó seu nome e a Deputación de Ourense.
Merece ser estudada e ensinada nos colexios en toda a súa dimensión como un dos meirandes escritores universais do século XX e un reformador necesario da lingua galega na narrativa contemporánea… todos comprendemos Las nanas de la cebolla de Miguel Hernandez cando coñecemos o seu padecer como preso tuberculoso e as penurias da súa esposa Josefina Manresa e a súa filla morrendo de fame… pero non nos explican que Lorca marchou a Nova York para superala súa desamor co escultor Emilio Aladrén e de aí xurdiu Poeta en Nueva York… ou que «Milhomes» e «Bocas» de A Esmorga son unha proxección do que hoxe chámaríase «homofobia interiorizada» no rural ou nas cidades pequenas, xérmolo da frustración e a fatalidade que pechan a novela.
Cando un estudiante non coñece o que agochan os bastidores dunha obra literaria non capta toda a súa dimensión.
«A súa figura merece máis que unha rúa co seu nome, ou un premio literario»
O ninguneo a Blanco Amor é case gracioso cando se lle adica o Día das Letras Galegas no ano 1993, primeiro ano que a Xunta decidiu converter a peregrinación xacobea nun gran parque temático (XacobeosLand) e pasou sen pena nin gloria, mentres nativos e turistas admirabamos ó Pelegrín. Como pasou este ano en Vigo co 40 cavodano da súa morte nesta cidade: estabamos todos a ver milleiros de leds cando a estrela que máis brilaba xa non era posible mirala.
Canto máis me documento sobre Blanco Amor máis o admiro e máis me enfada. É un personaxe poliédrico cheo de luces e sombras. Creo que este blog pensado só para o día 17M corre o risco de converterse nun monstro que non pare de medrar cada vez que alguén queira colaborar. Encantaríanos que se convertera no xerme dun, merecidísimo, proxecto de estudos blancoamorianos.