«Tres feridas», cuxo título fai alusión ao coñecido poema de Miguel Hernández, desenvólvese en torno ás ideas da vida, o amor e a morte, encarnadas nos seus tres protagonistas, aos que a falta de comunicación marcaralles a súa existencia con profundas feridas emocionais.
Nesta historia, que comeza cun sorprendente secuestro, os soños de Rafael e a súa idealización do amor levarán a desgracia ás persoas ás que máis quere, vítimas dos que cren que os sentimentos poden ser programados.
A dor, a soidade, o abandono, a culpa, a ira e o odio planean sobre unha historia na que os seus protagonistas terán que elixir entre os seus desexos e os dos demais, nun marco no que os desacordos provocados pola falta de comunicación cimentan un conflito que estoupa sobre as súas vidas.
O autor
Manrique Fernández (Cospeito, Lugo. 1965), é licenciado en Xornalismo pola Universidade Complutense de Madrid. Traballou en distintos medios galegos, tanto na prensa escrita como en radio, televisión e medios dixitais e, dende o seu nacemento en 2002, exerce de director xerente da Fundación Rogelio Groba, dedicada á catalogación, a protección e a difusión do legado musical do compositor de Ponteareas (Pontevedra).
En colaboración co compositor, publicou a súa biografía autorizada («Meditacións en branco e negro», Xerais, 2000), un libro de conversas («Diabolus in musica», Galaxia, 2011) e un catálogo («Mi obra musical comentada», Fundación Rogelio Groba, 2015).
Da súa colaboración tamén naceron, entre outras composicións, dúas óperas («Floralba» e «Pedro Madruga. O Noso Rei»), unha ópera infantil (a adaptación do conto de Charles Perrault «O gato con botas»), unha cantata («Corpus en Ponteareas»), e un réquiem («Samaín. Réquiem galego»).
Ademais, publicou o libro «Floralba» (Egasur, 1999), que recolle o libreto da ópera do mesmo título e o poema orixinal no que se baseou; «Ponteareas máxica. mitos, ritos e lendas» (Asociación de Comerciantes de Ponteareas, 2001), e mailo libro de relatos «Crónicas de Embora» (Toxosoutos, 2014).