O obxectivo da actividade é estimular a imaxinación dos máis novos, que se manteñan activos tamén durante as vacacións de verán, e que desenvolvan as súas habilidades na creación de personaxes e historias, ao tempo que as nais e os pais teñen un apoio para poderen conciliar a vida laboral e familiar.
A partir dun obxecto ou elemento proposto por Ramón Trigo como fío condutor, os asistentes poderán elaborar a súa propia historia coa técnica artística que desexen. Co resultado de todos os traballos, confeccionarase “un libro enrollado” que se poderá despregar coma un mural de gran formato, podendo acadar un tamaño de 2 a 3 metros de lonxitude.
Ademais de autor e ilustrador, Ramón Trigo ten experiencia impartindo obradoiros para público infantil e adulto. De formación autodidacta, iniciou a súa traxectoria artística en xornais e revistas especializadas en banda deseñada. As súas primeiras obras pictóricas datan da década de 1980; dende entón ilustra libros para varias editoriais -algúns incluídos na selección The White Ravens- e realiza exposicións cos seus cadros e esculturas.
Ten presentado a súa obra en países como Alemaña, Bélxica, Lituania, Italia e Portugal. Entre as distincións que recibiu destacan o Premio Arte Xove Galego, os premios de álbum ilustrado infantil Cidade de Alicante e Cabildo de Gran Canaria. Entre as súas obras recentes, ‘Leviatán’, publicado no selo Faktoría K, gañou o Premio Lazarillo 2012 e o Premio Isaac Díaz Pardo de Ilustración 2015. Outro dos títulos destacados que ten ilustrado é ‘O pirata Pata de Lata’, editado por Kalandraka.
As inscricións pódense formalizar en Libros para soñar (rúa Triunfo 1), por teléfono no número 986 433 768 ou por correo electrónico no enderezo lps@kalandraka.com.