Unha festa da palabra para enxalzar o papel das mulleres galegas da escrita ao longo da historia e para facer fincapé na necesidade de visibilizalas. Así foi esta tarde, na sede da Deputación en Vigo, a celebración do primeiro aniversario do Manifesto de Soutomaior, o documento que naceu fai un ano nunha reunión no Castelo impulsada pola institución provincial, para unir a reivindicación das escritoras, editoras, xestoras e de todas as mulleres da literatura en Galicia para reclamar a igualdade na escrita. O acto, presidido pola presidenta Carmela Silva e que simbolicamente volveu a convocar María Vinyals, reuniu de novo as fundadoras do Manifesto que, primeiro, mantiveron un encontro pechado para avaliar o traballo do último ano, e protagonizaron despois un acto aberto ao público que encheu a Sala Rosalía de colectivos de igualdade e de cultura, no que ofreceron un recital inédito coa lectura de textos propios e alleos, acompañadas da actuación musical de Esperanza Mara coa compañía ao piano de Estefanía Cereixo. Amais,Edurne Baines, Isabel Blanco, Mariana Carballal, Ana Figueiredo, Inma López Silva, Esperanza Mara, Silvia Penas, Arantxa Portabales e Rexina Vega, entre outras, trouxeron compañía: a de mulleres aliadas como Irene Silva, Xulia María Barros, María Varela, Clara Pino, Estefanía Cereijo, Iolanda Zúñiga ou Sabela Hermida.
Previamente ao recital, déronsea coñecer os acordos aprobados na reunión da Comisión do Manifesto, ante os que a presidenta Carmela Silva expresou a súa ledicia “polo bo traballo realizado estes meses”. A presidenta provincial advertiu que “imos seguir dando pasos cara adiante para rachar coa discriminación que padecen as mulleres en todos os espazos pero particularmente no mundo das letras, no que a situación é desalentadora”. “É unha obriga”, remarcou, ao tempo que subliñou que “non nos cansaremos de reivindicar unha presenza equilibrada na Real Academia Galega, no Día das Letras Galegas, nos libros de texto de colexios e universidades, nas antoloxías, nas recensións críticas, nos suplementos culturais, nos espazos de opinión, nos premios de literatura… porque estamos fartas de ser unha ínfima parte pese a que as letras levan tinguido o nome de muller”.
O banco das mulleres da escrita
A sorpresa artística da tarde foi a inauguración, no exterior da sede provincial, dun orixinal banco de granito con forma de libro, elaborado pola Escola de Cantería da Deputación, que nos próximos días tamén será instalado na entrada do Pazo Provincial de Pontevedra, e no que figuran os nomes das fundadoras do Manifesto “que así quedarán permanentemente entre nós como as verdadeiras vixías da igualdade das mulleres escritoras”. Amais dos nomes das asinantes, o banco tamén reflicte as súas principais reivindicacións entre as que se atopan a esixencia de que se cumpra o artigo 26 do capítulo dous da Lei de Igualdade, incrementar a presenza das autoras e editoras galegas no currículo escolar, nos espazos de toma de decisión, nos nomeamentos, nos xurados, nos recoñecementos e nas propostas de galardóns, amais da esixencia da revisión do canon literario.
Os acordos da Comisión do Manifesto
Na xuntanza previa das mulleres do “Manifesto”, amais das novas adhesións e o seguimento do Observatorio, aprobáronse novas iniciativas que se desenvolverán no vindeiro ano 2023. Entre elas está a creación dos Premios Literarios “Hai unha voz” co obxectivo de incentivar, apoiar e recoñecer o papel das escritoras e profesionais no ámbito da literatura galega, incidindo de forma directa na súa participación e promoción.
Tamén aprobouse o próximo lanzamento dunconcurso escolar de relatos que levará o nome de “Cambiemos o conto”, para premiar ás mellores redaccións centradas na Igualdade e na loita contra a violencia de xénero. O certame, dirixido ao alumnado de educación secundaria dos centros de ensino da provincia, contará con dúas categorías de premios, unha para ESO e outra para Bacharelato, FP Básica ou Grado medio. En cada categoría haberá tres premios para o centro gañador e para as mozas/mozos cos mellores relatos.
Igualmente, se deu conta do avance da creación da biblioteca dixital de mulleres, un novo concurso de composiciónpara musicar a obra de poetas galegas, e a publicación do libro: “Ti non sabes o que é ser escritora” no que as asinantes do Manifesto e as súas “aliadas” escriben relatos inéditos sobre feminismo que estarán acompañados das creacións de mulleres ilustradoras.