Os contos serán os protagonistas na programación de abril prevista pola Biblioteca Pública de Vigo Juan Compañel, xestionada pola Xunta de Galicia, con actividades dirixidas a bebés de ata 3 anos e á cativada de 4 anos en adiante. O mes no que se celebran o Día Internacional do libro infantil e xuvenil e o Día do libro, o centro bibliotecario centrarase no achegamento dos máis pequenos á lectura con diversos contacontos.
Así, os días 10, 17 e 24, ás 12,00 h., desenvolverase a actividade Os sábados, conto, para nenos e nenas de 4 anos en diante e de entre 40 e 45 minutos de duración. A primeira sesión correrá a cargo da actriz Ana Carreira con historias de trasnos e das súas falcatruadas en Trasnadas. O contacontos Iago López fará que os pequenos acompañen a osa Marosa e a toupiña Mariña no seu Camiño á catedral de Santiago, onde rompeu a corda do botafumeiro, con Marosa e Mariña camiñan a Compostela. Pola súa banda, a escritora María Canosa contaralles a historia da súa autoría Matías, un pito con moito conto, onde se valora a personalidade, a diferenza que nos fai únicos e o valor necesario para converter isto nunha fortaleza.
Os bebés de ata 3 anos gozarán os xoves 8 e 22 de abril, ás 18,00 h, da Biblioteca dos pequenos. Na primeira sesión, Marisa Irimia fará un achegamento lúdico á lectura e aos libros con Érase unha vez…un conto, incidindo no desenvolvemento da linguaxe. Na segunda sesión, Raquel Galavis fará unha proposta de contos cantados con Andando polo camiño. Ambas actividades durarán arredor de media hora.
Ademais, continúan desenvolvéndose os habituais clubs de lectura, en francés os luns, en italiano os martes, en castelán os mércores, en portugués e galego os xoves, e en inglés os venres. O luns día 5 reunirase tamén o club de lectura de cómic na sala de actividades infantís.
Con motivo da celebración do Día Internacional do libro infantil e xuvenil, o 2 de abril, a biblioteca acollerá unha mostra bibliográfica de Hans Christian Andersen, cuxo nacemento se conmemora nesa data, así como unha exposición dos carteis conmemorativos deste día dos últimos anos.
O Día do libro e dos dereitos de autoría, establecido na data do nacemento de Miguel de Cervantes e William Shakespeare, o 23 de abril, celebrarase tamén coa mostra bibliográfica As gañadoras do Premio Cervantes, un percorrido pola obra de María Zambrano, Dulce María Loynaz, Ana María Matute, Elena Poniatowska e Ida Vitale. As exposicións estarán abertas ao público ao longo de todo o vindeiro mes.
A axenda das actividades previstas está dispoñible na web da Biblioteca Pública de Vigo Juan Compañel.