A Casa Galega da Cultura acolleu este venres unha rolda de prensa para dar a coñecer a resolución do certame de relatos Vigo Histórico. No acto participaron o alcalde de Vigo, Abel Caballero; o editor da Editorial Elvira, Javier Romero, os concelleiros Abel Losada e Ángel Rivas e o xornalista Jacobo Buceta, membro do xurado, que foi o encargado de ler a resolución. Ademais houbo unha nutrida representación da Fundación Igual Arte, entidade coa que colabora a editorial e que este ano, a través do seu grupo de deseño Diseñatas, foi a artífice da cuberta do libro. Así como de moitos dos participantes, que xa se toman este acto como unha cita ineludible, para vivir en directo a emoción de coñecer aos gañadores.
O alcalde de Vigo felicitou non só as premiados senón a todos e todas as participantes, por sentarse a crear unha historia que para o autor é real e recordou que “escribir xera estados de ánimo”. O editor Javier Romero manifestou a súa ledicia ao ver que “este concurso de relatos está consolidado”. Agradeceu o labor do xurado así como a colaboración con Igual Arte, “cos que colaboraremos o tempo que eles queiran, porque nos aportan moito máis eles a nós, que ao revés”.
A resolución
Tal e como anunciou o alcalde resultou gañador da sexta edición do certame o relato «Cerrado por defunción» de Sara Barbazán, un escrito de ciencia ficción no que aparece un Vigo diferente, oculto e escuro. Sara Barbazán, que estaba presente na sala e non podía ocultar a súa emoción, é unha nova arqueóloga de 30 anos, á que lle encanta escribir dende pequena, “escribía contos para os meus pais”. Dende hai uns anos, animada pola súa familia, comezou a presentar algúns dos seus relatos a concursos e ao de Vigo Histórico xa se presentara con anterioridade, ata que hoxe elixida como gañadora.
Ademais, o segundo premiado foi Rosendo Cid co seu escrito «La Ventana», no que unha falcatruada pode provocar (sen sabelo ninguén) unha serie encadeada de sucesos. Rosendo, ourensán de nacemento, viviu en Vigo cinco anos, e logrou namorarse desta cidade. O gañador recibirá un premio de 1.000 euros, mentres que o segundo premio terá 500 euros e os 4 accésits, 200 euros cada un.
No Certame de Relatos Vigo Histórico, que vai xa pola súa sexta edición, o tema é libre pero hai unha esixencia fundamental: Vigo ten que ter un papel protagonista nos relatos presentados. Este ano houbo un menor número de relatos en galego, en parte porque se notou un importante incremento de relatos procedentes de Hispanoamérica: Colombia, Cuba, Arxentina, Chile, Nicaragua ou Venezuela. E por suposto, de toda Galicia (A Coruña, Lugo, Ourense, Tui, Redondela, O Porriño, Cambados, Gondomar, Celanova, Vilagarcía, Catoira, Pontevedra…) e de todo o territorio español (Sevilla, Madrid, Barcelona, Alacante, Murcia, Segovia, Valladolid, Huelva, Castellón, Baleares, Granada, Girona, Valencia, Bizcaia, Cádiz….).
Dentro dun par de meses aproximadamente realizarase o acto de entrega dos premios e a presentación do libro Relatos na Rúa VI, no que aparecerán publicados os relatos premiados e unha ampla escolleita dentro dos presentados. Dende hai un par de anos, Editorial Elvira colabora coa Fundación Igual Arte, de xeito que un euro de cada libro vendido se lles entrega. Ademais atopamos outras formas de cooperación para dar visibilidade a todo o traballo desenvolvido por esta Fundación: o pasado ano foron protagonistas da gala de entrega dos premios e tamén presentaron relatos a través do obradoiro de escritura. Nesta edición, a cuberta será unha fermosa obra realizada por Diseñatas, o grupo de deseño da Fundación Igual Arte, e no interior do libro tamén se verá algunha aportación máis e, por suposto, serán parte moi activa no acto de entrega de premios e presentación do VI libro de relatos na rúa.
Coma sempre, hai que destacar o enorme traballo do xurado do Certame de Relatos Vigo Histórico, que ten a difícil tarefa de elixir. O noso gran equipo estivo formado pola escritora Ledicia Costas; o pintor Antón Pulido, o editor Bieito Ledo, a filóloga e mestra Concepción Varela Portela, o xornalista Jacobo Buceta; a filóloga e poeta Patricia Meira, a xornalista Noelia Otero Lago; o profesor e escritor Julio Alonso e o historiador e membro do Instituto de Estudios Vigueses, José Luis Mateo Álvarez.