A programación estival da Biblioteca Municipal Neira Vilas incluirá actividades para tódolos públicos. A primeira desenvólvese no marco da Feira do Libro que se celebra na rúa do Príncipe entre o 1 e o 7 de xullo: a homenaxe a Domingo Villar, o autor vigués recentemente falecido.
O martes 5 de xullo ás 20:00 horas comezará a lectura pública dos seus textos a cargo dun grupo de voluntarios do Concello de Vigo e, dentro da caseta da Biblioteca Neira Vilas, haberá un xogo relacionado coa obra literaria de Domingo Villar coa posibilidade de obter premios: a degustación dos pratos preferidos do inspector Leo Caldas, unha comida ou cea no bar Puerto para dúas persoas, unha comida ou cea na taberna Eligio para dúas persoas, unha visita guiada para coñecer a Escola de Artes e Oficios, un traxecto no Pirata de Ons e unha viaxe de ida e volta Vigo-Moaña-Vigo na navieira para dúas persoas.
Ademais, a Biblioteca Neira Vilas propón aos usuarios que este verán su sumen á ‘Cita a cegas’, paquetes pechados de libros que se poden levar á casa prestados sen saber o que hai dentro. Estará en funcionamento entre o 1 de xullo e o 30 de setembro.
Para o público infantil, haberá dúas propostas de verán: a primeira o obradoiro ‘Modelamos unha historia?’, no que a través do barro poden recrear unha historia en grupo. Será o martes 5 de xullo de 11 a 13 horas para nenos de 6 a 10 anos. A segunda proposta é o ‘Taller de estampaxe’ para crianzas a partir de 7 anos, no que cada participante creará o seu propio deseño personalizado que levará nunha camiseta. Terá lugar o 12 de agosto de 11 a 13 horas.
A biblioteca reforzará tamén o asesoramento dixital para tramitar as cuestións relacionadas cos seus servizos. Haberá proxeccións de películas e a mostra ‘Fiando Mitos’ durante todo o verán con libros relacionados cos mitos.