O Concello de Vigo renderá homenaxe á ilustre xurista e escritora Concepción Arenal co gallo do bicentenario do seu nacemento, que se celebra este venres 31 de xaneiro. Ao longo do ano, a cidade desenvolverá un programa de conmemoracións desta efeméride.
O sábado 8 de febreiro, o Goberno municipal realizará unha ofrenda floral no monumento funerario da autora no cemiterio de Pereiró, ás 12:30 horas. Alí tamén se descubrirá unha placa conmemorativa. Deseguido, ás 13.00 horas, no Pazo Quiñones de León, entregarase o galardón Galega Destacada 2019 a Rosana Ojea Carneiro pola súa contribución á cultura na cidade ao combinar o servizo de hostalería coa oferta cultural do café Vitruvia, do que é responsable xunto a Javier Ferreiro. Ojea naceu en Vigo en 1981, ten estudos superiores de piano e é Licenciada en Publicidade e Relacións Públicas.
Ademais, o sábado 15 de febreiro, ás 21.00 horas, vai celebrarse un concerto homenaxe a Concepción Arenal da man da Orquestra Clásica de Vigo no Auditorio Municipal del Concello. No intermedio do recital haberá unha lectura de textos da escritora por parte dun grupo de mulleres voluntarias do fomento da lectura. A entrada é de balde ata que se complete o aforo.