Vigo converteuse este 17 de maio na capital da poesía. A cidade celebrou por todo o alto o Día das Letras Galegas en memoria de Xela Arias (Sarria, 1962 – Vigo, 2003), a poeta comprometida. Dicía o seu fillo, Darío Gil, nas páxinas de VIGOÉ que a súa nai estaría hoxe reclamando os dereitos dos migrantes, igual que estivo no seu día nas mobilizacións de «Nunca Máis» ou «Non á guerra».
Este luns das Letras Galegas as súas verbas soaron en numerosos puntos das cidade na que creceu como escritora, tradutora, editora, mestra e nai. Comezou a xornada coa recepción do Concello á Real Academia Galega no Museo Marco da rúa do Príncipe e continuou co acto conmemorativo no instituto IES Castelao. O acto central foi o pleno extraordinario que a Real Academia Galega celebrou no Auditorio Mar de Vigo para reivindicar o seu legado.
Así, a voz de Xela Arias recitando versos do seu derradeiro poemario, Intempériome (2003), abriu o acto en diálogo coa música de Fernando Abreu, Mónica de Nut e Pablo Carrera. Na conmemoración Ana Romaní, Marilar Aleixandre e Manuel Rivas pronunciaron as alocucións académicas sobre a autora.
Os tres recorreron á palabra da poeta e puxeron o acento no carácter rebelde e na lectura de xénero dunha poesía á intemperie, envolta «nas entrañas das vidas á marxe» e que «cuestiona “exércitos inoculados de acomodo”», expresou Ana Romaní. «Crear, di Xela, é inventa-lo mundo e mailas marxes do mundo. Crebar as marxes, inventar outras novas», coincidiu Marilar Aleixandre. Porque ela foi, en palabras de Manuel Rivas, unha muller «a camiñar pola liña do horizonte», unha creadora que escolleu botarse «fóra da orde do día».
O pleno tivo lugar en presenza da súa familia (nai, irmáns, fillo e sobriños) e na cidade que foi «o espazo creativo, emocional, familiar e profesional onde Xela Arias desenvolveu a meirande parte da súa vida», indicou o presidente da RAG. Víctor F. Freixanes recordou tamén a Sarria natal da autora, onde a Academia estivo igualmente presente neste Ano Xela Arias apoiando distintas iniciativas arredor da súa figura.
Sarria e Vigo, dous eixes vitais que ilustran a pertenza de Xela Arias a unha xeración con raiceiras no rural, que medrou nos barrios das cidades galegas en expansión e que viviu a mocidade nun momento «especialmente activo e ilusionante», o dos anos 80 e dos 90, no que «Vigo tivo un protagonismo moi especial». «Foron décadas dunha enorme explosión cultural e creativa, protagonizada polos mozos e mozas que, sen renunciar á memoria dos avós e os devanceiros, a enriquecen cunha nova ollada, novas perspectivas, novas formas de expresión», retratou Víctor F. Freixanes.
O presidente da Academia reflexionou ademais sobre a importancia da transmisión xeracional do idioma a través do exemplo da familia de Xela Arias e tivo palabras de especial recoñecemento para os seus pais, Valentín Arias (1934-2011) e Amparo Castaño, que acudiu ao pleno da RAG acompañada do fillo, os irmáns, os sobriños e outros parentes da homenaxeada.
«Cando as familias manteñen viva a riqueza do idioma e saben transmitilo con dignidade, amor e coherencia aos descendentes, a lingua medra, axigántase, convértese nunha onda contaxiosa de afectos, factor de socialización fundamental para construír a nación do futuro, que non acaba en nós, senón que continúa sempre nos que veñen despois. Esta responsabilidade témola todos. Non podemos mirar para outro lado», concluíu.
As Letras Galegas de Xela Arias celebran a poesía singular e transgresora da autora, e a súa procura de novos espazos para ela, facéndoa dialogar con outras artes: dende a ilustración, presente no seu primeiro poemario, Denuncia do equilibrio (1986), e a fotografía —coa que comparte protagonismo en Tigres coma cabalos (1990) e na portada do libro que escribiu sobre a experiencia da maternidade, Darío a diario (1996) —, ata a música, á que se achegou especialmente na última etapa da súa vida, tras a publicación de Intempériome. Para esta obra preparaba un espectáculo de poesía e música contemporánea con Fernando Abreu cando a morte prematura a sorprendeu en novembro de 2003.
O músico recuperou este ano aquel proxecto truncado como homenaxe á escritora baixo o título Vencerse é cousa de se tratar. A actuación musical que abriu o pleno da RAG foi unha adaptación especial da proposta que trouxo ao Auditorio Mar de Vigo a poesía da autora na súa propia voz.