A mostra Oroza (1923-2023). Centenario do poeta Carlos Oroza foi inaugurada este sábado no Porto de Vigo para homenaxear ao creador con motivo do centenario do seu nacemento, que se celebra hoxe. Trátase dunha exposición incluída na programación especial impulsada pola Xunta de Galicia e a Asociación Évame-Oroza con motivo desta efeméride.
No acto estiveron presentes o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez; a delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, e o presidente da Asociación Évame-Oroza, Xabier Romero. O responsable de Cultura referiuse ao homenaxeado como “un dos creadores máis orixinais e únicos da poesía en Galicia e España”. “Carlos Oroza foi un artista que converteu a súa voz poética nunha escola da que seguen bebendo creadores de todas as disciplinas e que sentou as bases para abrir unha maneira torrencial de vivir a poesía”, salientou Román Rodríguez.
“Hoxe, cando farían 100 anos do seu nacemento, Oroza segue sendo unha icona da poesía galega que debemos seguir descubrindo e divulgando para fomentar o seu recoñecemento en toda Galicia”, afirmou o conselleiro antes de lembrar a importancia de Vigo, pois foi nesta cidade onde residiu gran parte da súa vida o autor e faleceu no ano 2015, para entender a súa obra.
Pola súa banda, Fernández-Tapias, destacou que “Vigo ten un potencial cultural inmenso e isto queda probado coa resposta que estamos recibindo a nosas iniciativas. Seguiremos traballando nesta dirección porque creemos que Vigo o necesita, Vigo ten que recuperar a posición que tivo nas vangardas culturais. Estamos nunha cidade que marcou unha época no despertar musical do país, pero tamén nunha cidade que a día de hoxe é líder na produción editorial, en ningún outro lugar de Galicia edítanse máis libros que en Vigo”.
Así, para contribuír a dar visibilidade ao seu legado, a Xunta de Galicia colabora coa Asociación Évame-Oroza na realización dunha programación especial vinculada a súa figura que inclúe unha mostra itinerante, a edición dun libro e a convocatoria dun premio internacional.
Percorrido pola traxectoria vital e artística
Oroza (1923-2023). Centenario do poeta Carlos Oroza está composta por seis cubos que, a través de imaxes e texto, ofrecen un percorrido pola traxectoria vital e artística do autor. Trátase dunha proposta itinerante que se pode ver desde hoxe e ata o 19 de xuño en Vigo e que, a continuación, pasará por Pontevedra, Viveiro, Folgoso do Courel, Lugo, Santiago de Compostela, A Coruña e Ourense.
Ademais desta proposta, o Goberno galego tamén colabora coa edición do libro Oroza 100, no que artistas, intelectuais e escritores ofrecen a súa visión e experiencia sobre o artista, e coa convocatoria do primeiro Premio Internacional de Poesía Carlos Oroza con periodicidade bienal e tres categorías: galego, castelán e mellor iniciativa musical.