A escritora Xela Arias dará o seu nome a unha rúa de Vigo. Así deuse a coñece por parte do alcalde, Abel Caballero, durante a presentación este xoves do espectáculo de Laura LaMontagne &PicoAmperio, que se celebra o domingo 16 de maio ás 20:00 horas no Auditorio Mar de Vigo, como preámbulo do acto central do Día das Letras Galegas desde 2021.
No acto celebrado na Alcaldía de Vigo, no que participou a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, xunto a Darío Gil Arias, fillo de Xela Arias, Caballero avanzou que o Concello denominará unha das súas rúas co nome da poeta. O rexedor destacou o concerto como unha “forma global de ligar a música e a poesía á transgresión” sendo, ao seu entender, un “espectáculo que vertebra Galicia” e puxo en valor a obra e a figura de Xela Arias como un “elemento central dunha parte da historia da cidade”.
Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega, agradeceu a colaboración ao Concello para a realización do evento que, nos seus once anos de historia, se celebra por primeira vez na cidade pola súa ligazón con Xela Arias. “Aquí se fixo esa poeta que todos celebramos, porque a cidade conformou a súa personalidade e a súa obra e está presente nela. O Vigo proletario, o Vigo da reivindicación obreira que sae á rúa en defensa dos intereses das clases máis populares, o Vigo da movida e o Vigo deitado fronte ao mar coas ondas do mar de Vigo petando e esa auga corrente tamén da súa poesía”, explicou.
Sobre o espectáculo de Laura LaMontgane & Pico Amperio, Rosario Álvarez sinalou que dende o Consello da Cultura Galega “estamos empeñados en facer que esta celebración sexa unha celebración para tódalas idades e quixemos darlle o protagonismo aos máis novos facendo que Xela sexa unha ponte entre unhas xeracións e outras, como a ela lle gustaría”.
Laura apuntou na rolda de prensa que “abordamos os poemas en forma de collage. A peza especial é un bloque longo, son varias pezas entrelazadas” e trasladou a emoción de poder levar o espectáculo ao escenario porque tiña unha “conta pendente” coa obra de Xela Arias desde que “abordei á poeta por primeira vez” e agora pode “darlle forma visual e poeticamente” aos poemarios “Denuncia do equilibrio” e “Tigres coma cabalos”, que estrean en Vigo como peza central do espectáculo.
Darío Gil Arias, fillo de Xela Arias, agradeceu ao Consello da Cultura Galega e ao Concello a organización do concerto que ten “moitas ganas de ver; de ver como integraron os poemas e fixeron o collage” e destacou a importancia da celebración do acto en Vigo, “cidade sen a que non se podería entender a obra de miña nai, sen a cidade e o ambiente dos anos 70 e 80”. Amparo Castaño, nai de Xela Arias, estivo tamén na presentación do concerto.
As entradas para asistir ao evento o domingo 16 de maio ás 20 horas no Auditorio Mar de Vigo poden retirarse desde hoxe, de maneira gratuíta, na plataforma teuticket. Ademais, poderá seguirse en directo a través da web do Consello da Cultura Galega e o día 17, Día das Letras Galegas, será emitido pola canle G2 da Televisión de Galicia.