O Centro Galego de Lisboa acolleu a pasada fin de semana a segunda xornada de Ponte…nas Ondas! na capital lusa, logo da festa do patrimonio na véspera no Instituto Español de Lisboa Giner de los Ríos. Unha delegación de alumnos, profesores e músicos galegos integrou esta representación homóloga en Lisboa para presentar o modelo de boas prácticas co patrimonio cultural inmaterial (PCI) que a Unesco inscribiu en decembro de 2022 a proposta de Portugal e España.
O programa “radiovisual” comezou coa participación do presidente do centro, Xesús Bescos. De seguido, e como representación da emigración galega a Lisboa, o alumnado entrevistou a Graciano Espinheira, de Barciademera, o creador da popular bebida “ginginha”. A súa familia foi para Lisboa a mediados do século XIX e o seu bisavó fundou a empresa para Lisboa a mediados do século XIX. Segundo el mesmo relatou, o seu bisavó, Francisco Espinheira Cousiño, formou a empresa da cal é xa a cuarta xeración.
Neste momento o seu fillo máis vello encóntrase ao fronte do negocio da Ginginha. Roberto, Paula, Ales e Zulema conforman o grupo de pandereita Ghalderios do Centro Galego de Lisboa, que alén de actuar para o público presente, relatou o seu labor de transmisión da música galega tradicional.
Luiz Caracol e a gran madriña de Ponte… nas Ondas!, a cantora galega Uxía, quen tamén foi entrevistada polo alumnado, fixeron gozar tamén á audiencia coa súa música.
E o apartado musical contou tamén con Paulo Marinho, nado en Lisboa, instrumentista, profesor, investigador, divulgador, compositor e construtor. Marinho dedícase ao mundo da gaita tal vez pola orixe da súa familia paterna en Valença do Minho.
En 1983 integrou o grupo musical “Sétima Legião” e no ano seguinte o grupo de danzas e cantares Anaquiños da Terra da Xuventude da Galiza – Centro Galego de Lisboa. En 1992 foi un dos fundadores do grupo musical “Gaiteiros de Lisboa”. En 1999 foi un dos fundadores da “APEDGF – Associação Portuguesa para o Estudo e Divulgação da Gaita de Foles”.
Para a celebrar o X aniversario de Ponte…nas ondas! os Gaiteiros de Lisboa e o grupo Treixadura gravaron hai xa vinte anos, en 2004, o videoclip “A chula da póvoa/Nosa señora da Guía” incluído no disco-libro Na ponte (2012).