Nathy Peluso é unha artista multidisciplinar criada entre a música negra, o swing, o jazz, o blues e o teatro. Está tan nutrida de tanta música diferente que o seu filtro abarca unha inmensidade de propostas.
Tras empezar a gravar versións en YouTube, acabou por chegar ao hip hop para apoderarse del: fíxoo concreto e flexible, bailable, con letras abstractas, máxicas e de bases orixinais; sintetizadores, bos baixos e ‘samples’ vocais. Como ela mesma declara, «co tempo pretendo crear unha nova vangarda musical e aos poucos irei conformándoa. O único que quero de verdade é facer música de calidade».
Acompañando a esta sedutora fusión de xéneros e sons atopámonos coa guinda do pastel: o visual. Imaxes cunha estética dos oitenta, maquillaxe, froitas tropicais e unllas de xel. A súa incursión no mundo da música contemporánea supuxo unha revolución no panorama actual e varios medios de comunicación cualificárona como «a artista revelación do 2017».
Outras actividades e entradas
O festival continuará apostando por fusionar a música con experiencias ao aire libre: as persoas asistentes terán á súa disposición dende xogos e talleres, ata unha gran oferta gastronómica a cargo de camións de comida, un mercadiño ou charlas.
As persoas interesadas en adquirir as súas entradas xa poden facelo a través da propia web do festival, www.vivenigran.com, gozando dunha oferta coa que se poden adquirir os abonos de dous días por 22 euros.