A programación, presentada este venres oficialmente, outorga nesta ocasión o gran protagonismo á muller, xa que a esta artista únese o trío feminino e tamén internacional Hey Cats o venres 26 no escenario do Rilla na Rúa, evento gastronómico que un ano máis vai unido tamén ao Nigranjazz.
Como xa é sinal de identidade do festival, os músicos galegos de jazz máis recoñecidos volverán a estar presentes en tódalas formacións feitas unha vez máis ‘ex profeso’ para o Nigranjazz, como Xosé Miguelez & Jean-Michel Pilc Quartet e o cuarteto de Pablo Castaño o venres 26 e o quinteto de Fernando Sánchez o 27 como antesala da actuación de Deborah Carter, quen tamén reúne para a ocasión a Xan Campos ao piano e Chus Pazos á batería xunto a Mark Zandveld ao contrabaixo. Off-Room, trío 100% nigranés, completan o cartel o día 27 no escenario Rilla na Rúa xunto as jams sessions posteriores aos concertos.
“Deborah Carter é unha cantante de jazz de referencia en toda Europa, onde desenvolve o seu traballo, sabemos que vai causar unha gran sensación porque é unha vocalista impresionante cun estilo moi persoal. Ademais, contamos co trío feminino Hey Cats que reivindica firmemente o papel da muller no jazz ao punto de que son grandes investigadoras deste tema e interpretan só temas compostos por mulleres», destaca Felipe Villar, director do Nigranjazz, quen incide no seu compromiso «de que a calidade artística prime sempre por riba de todo”.
O cartel deseñado polo Leonardo Abate será o empregado para difundir esta undécima edición tras resultar gañador entre as case 100 propostas presentadas ao concurso Quin Alborés.