Tras o peche da primeira metade da temporada, a Orquestra Clásica de Vigo inaugura os concertos de verán coincidindo co Día Europeo da Música, que se celebra o vindeiro 21 de xuño. O tradicional concerto da orquestra para conmemorar este día tan especial será o domingo 26 de xuño, ás 13.00 horas, na Praza da Igrexa.
A Clásica volve ao casco vello da cidade para levar a súa música aos pés da Colexiata, retomando así unha tradición con máis de trinta anos de historia. O programa do concerto do día 26 está composto por tres pezas: ‘Concerto violín mi m op. 64 (II movemento)’, de F. Mendelssohn; ‘Adiós a la Alhambra’, de J. de Monasterio; e ‘Doble concierto’, de G. Holst. Baixo a dirección de Manuel Martínez Álvarez-Nava, as tres mulleres solistas serán Navia Núñez, Paula Gómez e Iria Pérez.
O xa clásico concerto anual do Día Europeo da Música é unha conmemoración que busca compartir o amor pola música nunha xornada festiva aberta á cidade na que non importan as etiquetas. Coa colaboración do Concello de Vigo, a Universidade de Vigo e a Deputación de Pontevedra, a Clásica propón este evento como unha cita para que a cidadanía acceda e goce da escoita e práctica desta arte en directo. A entrada será libre e de balde.
Concerto o día de xuño
A programación preparada para conmemorar o Día Europeo da Música comeza xa o martes 21 de xuño, día no que a orquestra ofrecerá un concerto diferente en colaboración coa Universidade de Vigo.
O repertorio constará dunha serie de propostas de cámara na que destaca a do trío de vento composto polos músicos Celia Vallo Gil (frauta), Iria Pérez Salgueiro (fagot), Raúl Martínez Temperán (clarinete) e a do trío de corda, formado por Navia Núñez (violín), Paula Gómez (violín) e Pedro Fernández (cello).
O concerto terá lugar ás 20.00 horas no Edificio Redeiras (Berbés) e a entrada é de balde ata completar a capacidade.