A Orquestra Clásica de Vigo presenta ‘Un camiño ben temperado’, un ciclo de cinco concertos de música antiga no Camiño Portugués que xuntará a artistas das dúas marxes do río Miño para poñer en valor o pasado musical común de Galicia e Portugal. Terá lugar entre os días 3 e 11 de setembro en Redondela, Baiona, Oia, A Guarda e Tui.
Os arquivos das catedrais supoñen unha fonte de gran valor para a interpretación e a investigación musical da nosa contorna, pois cada un deles conserva a música que se interpretaba nos espazos relixiosos das dioceses. “O Camiño de Santiago era unha vía de conexión entre artistas e instrumentistas do norte de Portugal e Galicia. Con este proxecto queremos poñer en valor ese intercambio constante, a comunicación histórica e as influencias entre os dous países a través do repertorio histórico destes territorios”, comenta Manuel Martínez Torres, director do ciclo.
Co programa de ‘Un camiño ben temperado’, a Clásica procura xerar un espazo de troco e posta en común arredor da interpretación historicamente informada do repertorio ibérico e as súas ligazóns co exterior. Ademais, a orquestra promove a conexión entre artistas galegos e portugueses a través do patrimonio histórico do sur da provincia de Pontevedra, nun espazo correspondente coa diocese Tui-Vigo.
O programa contará coa presenza de artistas das dúas beiras do Miño: Manuel Vilas (arpa), Mario Braña (violín barroco), Elsa Pidre (violonchelo barroco), I Colori Dell’Armonia, João Janeiro e Metáfora das Flores. A entrada a todos os concertos será de balde ata completar capacidade do espazo.
Programación
- 3 de setembro, ás 21.00 horas na Igrexa de Santiago (Redondela). ‘Luz e Norte: música para arpa no mundo hispano. Séculos XVI ao XVIII’, con Manuel Vilas
- 5 de setembro, ás 21.00 horas, na Colexiata de Santa María (Baiona). ‘Música ibérica para a nobreza do século XVIII’, con Mario Braña (violín barroco) e Elsa Pidre (violonchelo barroco)
- 7 de setembro, ás 20.00 horas, na Igrexa de Santa Uxía de Mougás (Oia). ‘Triosonatas di chiesa e camera’, coa agrupación I Colori Dell’Armonia
- 9 de setembro, ás 20.00 horas, na Igrexa de Santa María (A Guarda). ‘Transmutaçoes ibéricas, recital de clavecín’, de João Janeiro
- 11 de setembro, ás 18:30 horas, na Catedral de Tui. ‘Requiem para o mosteiro de Santa Clara’, coa agrupación Metáfora das Flores baixo a dirección musical de Magna Ferreira.