A Clásica ofrece o seu primeiro concerto deste ano o vindeiro sábado 26 de febreiro no Teatro García Barbón de Vigo, coincidindo co Entroido. A cita con “Un entroido instrumental” supón a antesala do que será o programa da tempada 2022, que a orquestra anunciará nas próximas semanas.
Este ano arranca cunha mascarada instrumental para celebrar o Entroido onde a Clásica contará con Berta Fresco e Jorge Abreu como solistas, que farán soar dous pianos xuntos. O programa inclúe as pezas Masques et bergamasques op.112, de Gabriel Fauré, e O entroido dos animais, de Camille Saint-Saëns.
«O entroido dos animais é unha obra fantástica, pois condensa múltiples lecturas desde a súa óptica aparentemente infantil. Aquí vemos como Saint-Saëns busca mostrar a tradición musical do seu momento, pois nas 14 pezas que compoñen o seu entroido emprega a metáfora dos animais para falar dos compositores da súa época. Nela podemos atopar a visión estilística que ten Camille da música e compositores do seu tempo, ademais de dicirnos como se ve a si mesmo», comenta Manuel Martínez, director da Clásica. «Interésanos como punto de partida ao mostrarnos o poder da tradición e da vixencia das obras», conclúe. Así, a nova tempada da orquestra terá como fío condutor a revisión da tradición, a vixencia, a transmisión e a sinxeleza da comunicación.
As entradas para esta primeira cita do ano coa Clásica están á venda en Ataquilla a través desta ligazón. O prezo para menores de 16 anos será de 5 euros co obxectivo de promover a asistencia do público familiar ao concerto. Tamén estarán dispoñibles na billeteira do teatro antes do concerto (o prezo de última hora para menores de 30 anos será de 5 euros).
Abono tres butacas
A Clásica mantén aberto o prazo de compra do “Abono tres butacas” a un prezo de 40 euros. O abono consiste nun código de tres usos (é dicir, válido para tres concertos a elixir de entre toda a programación de pago deste ano ou para usar nun único concerto) que o comprador tan só terá que introducir no momento de realizar a compra da entrada en cuestión.
As persoas que desexen mercar o “Abono tres butacas” deben encher este formulario e facer a transferencia bancaria co pagamento. As persoas abonadas que queiran utilizar o seu código neste concerto de Entroido terán reservadas butacas en patio, anfiteatro central e primeiro anfiteatro para que poidan mercalas a próxima semana, cando Ataquilla habilite o sistema de códigos. Para reservar butaca ou consultar calquera dúbida poden chamar ao teléfono 604 06 39 19.