A Deputación de Pontevedra avanzou hoxe a posta en marcha dun ambicioso programa bianual destinado a dar unha resposta rigorosa ás consecuencias derivadas da crisis sanitaria xerada polo COVID19 no ámbito dos espectáculos musicais en directo. Así o confirmou a presidenta Carmela Silva na reunión telemática celebrada coas promotoras dos #RíasBaixasFest, os sete festivais integrados na marca de calidade da institución provincial, na que participaron representantes de PortAmérica, Atlantic Fest, Sinsal, SonRías Baixas, Revenidas e Vive Nigrán.
Carmela Silva, que cualificou este programa “como eixo clave da nosa estratexia para minimizar o impacto da crise, especialmente dura no turismo e nos eventos como os festivais de música”, trasladou ás promotoras os detalles da proposta. “Falamos dunha folla de ruta destinada a manter as estruturas das empresas, avanzar a través da música na promoción do destino Pontevedra Provincia e consolidar os #RiasBaixasFest como produto turístico sostible e diferenciado”. A presidenta sinalou que “con esta proposta garantimos os recursos deste ano e o noso compromiso para 2021 a fin de que todos os festivais se manteñan como unha grande referencia desta provincia”
Así, a Deputación de Pontevedra establecerá con cada un dos festivais contratos bianuais vinculados á celebración do evento no próximo ano 2021, pero co engadido dunha serie de fitos promocionais xa neste 2020, tanto do festival como do destino Pontevedra Provincia, que consistirían na celebración de eventos en pequeno formato, de promoción do festival e do seu emprazamento e valores como as súas tradicións, gastronomía, cultura ou natureza. Deste xeito, manteríanse os contratos de patrocinio para o período 2020-2021 e, en paralelo, se traballaría no Plan de Turismo de Festivais, baixo as pautas da sustentabilidade, a mellora continua e a optimización deste produto cultural para a promoción turística como obxectivo irrenunciable.
Deste xeito, dentro deste modelo bianual, a Deputación manterá o orzamento previsto para este ano 2020 tendo en conta o cumprimento dos fitos que serán desenvolvidos baixo catro criterios. O primeiro será a promoción das campañas en base ao valor engadido do elemento diferenciador do festival e do destino a fin de fidelizar ao público visitante. O segundo, as sinerxias entre festival e o emprazamento no que se realiza, coa posta en marcha de campañas de fomento do turismo e comercio local; o terceiro, o turismo no territorio no que se realiza o evento, con campañas de acollida ás persoas visitantes para que descubran experiencias turísticas na localidade. Asemesmo, seguirían presentes as campañas que a Deputación mantiña cos festivais de loita contra as agresións sexuais, de sustentabilidade e protección do medio ambiente.
Finalmente, co obxectivo de facer ver ao público que os RíasBaixasFest volverán, a Deputación propón a celebración este verán de microconcertos nas redes sociais, cun grupo de sona nacional ou internacional; tamén, microconcertos nos meses de setembro e outubro en espazos provinciais con aforo reducido para manter o vínculo coas persoas visitantes; e finalmente, en decembro, a organización dun sorteo de entradas para os concertos de cada festival do próximo ano 2021.