A illa de San Simón acolleu este venres, 21 de xullo, a primeira xornada do Sinsal SON Estrella Galicia 2023. A dupla estoniana Duo Ruut, a estadounidense Jesca Hoop, a portuguesa Ana Lua Caiano, os holandeses Yin Yin, as coreanas ADG7, os belgas Tukan -na súa estrea en España- e o dj vigués rnstdj conformaron o cartel de apertura da nova edición dun dos encontros máis singulares do panorama musical estatal, nos que o público unicamente descubre quen actúa ao desembarcar na illa.
O bo tempo acompañou a primeira tarde do festival, na que o público puido disfrutar de concertos tanto na illa de San Simón coma na de Santo Antón, que estreou escenario e formato: a norteamericana Jesca Hoop foi a responsable de inaugurar o novo espazo, no que terán lugar as propostas máis íntimas e reducidas desta edición, e que mañá acollerá a primeira actuación en España dunha artista xaponesa. Na mesma illa, este sábado comezarán os microconcertos de música clásica no escenario Santo Antón Clásico. Unha agrupación de músicos da rexión ofrecerá tres pases dun repertorio renacentista.
En paralelo á programación musical, Sinsal ofreceu numerosas actividades paralelas que terán continuidade ao longo de toda a fin de semana, como a primeira sesión do obradoiro A caixa-libro da Escola Sinsal, as primeiras escoitas colectivas das Audicións San Simón ou as primeiras gravacións con cilindro fonográfico, nos que participaron distintas bandas e nas que o público estivo presente. Tamén tivo lugar a preestrea na capela de San Simón no documental Road to Meta-Stage, de Toño Cabanelas. Grazas a este proxecto, o público puido revivir algúns concertos que tiveron lugar ao longo da última década na illa, durante a celebración do festival. A partir de mañá, e até o domingo, a capela acollerá o obradoiro familiar Illas imaxinadas: laboratorio de paisaxes visuais e sonoras.
Tamén mañá terá lugar un dos dous paseos guiados pola illa que se realizarán esta fin de semana: Islario Marabilloso, co investigador Xosé Lois Gutiérrez Faílde, que percorre a memoria de San Simón e Santo Antón. Haberá dous sesións, ás 16:00 e ás 18:00 horas.
Axenda sábado 22
Este sábado 22, Sinsal acollerá o primeiro concerto en España de catro bandas chegadas de Xapón, Estonia, Corea do Sur e Nixeira; ademais das actuacións de agrupacións e solistas de Estados Unidos, Francia, Angola e Galicia -tanto nos microconcertos de música clásica coma sobre o escenario Buxos FEST Galicia-. A xornada comenzará coa chegada do público á illa a partir das 12:30 horas. Ao longo do día, en San Simón e Santo Antón escoitarase jazz, reguetón, rock psicodélico, músicas urbanas, trap, ou afrofunk, entre outros.