O Auditorio Mar de Vigo retoma esta fin de semana o seu ritmo de concertos por partida dobre. Por un lado, este venres coa agardada actuación da lenda do jazz Pat Metheny, dentro do ciclo de artistas internacionais Xacobeo Importa. Por outro, o sábado co regreso de Ángel Stanich ao Festival TerraCeo, despois da actuación da pasada edición.
Este venres, ás 21.30 horas, a sala principal do auditorio acollerá a Pat Metheny (Kansas City, 1954). Avalado por unha impresionante traxectoria de 20 Premios Grammy en ata 12 categorías diferentes, o guitarrista é un nome esencial da historia do jazz das últimas décadas. Na súa longa carreira ten tocado e compartido escenario con nomes míticos que van de António Carlos Jobim a Enrique Morente, pasando por David Bowie, Carlos Santana ou Herbie Hancock. Incluso chegou a gañar un Premio Goya á mellor banda sonora en 2014, polo filme de David Trueba ‘Vivir es fácil con los ojos cerrados’.
Metheny só fará cinco actuacións no noso país, en lugares de referencia como las Noches del Botánico de Madrid, o Teatro da Maestranza de Sevilla ou o Palau de la Música Catalana de Barcelona. A actuación do Mar de Vigo será a súa única data en Galicia e as entradas van camiño de esgotarse.
O sábado ás 21.00 horas será a quenda para o rock sarcástico de Ángel Stanich, que actuará á hora do solpor na terraza do Mar de Vigo no marco do Festival TerraCeo para presentar o seu último disco ‘Polvo de Battiato’, e recuperar temas do anterior disco co que apenas puido xirar debido á pandemia: ‘Una visión global bastante aproximada’.
Este artista de directo brillante e voz singular regresa a TerraCeo despois do enorme éxito recollido na edición anterior. As súas letras irónicas de retrousos demoledores teñen conseguido o éxito de crítica e público, arrastrando unha lexión de seguidores fieis. Esta actuación en TerraCeo será un dos contados concertos programados do artista este verán.
Antes da actuación de Stanich, subirá ao escenario a artista viguesa MaríaSOA. As súas cancións parten das raíces da música clásica para conectar co indie-pop máis actual, a través das harmonías coas voces e a mestura de piano e sintetizadores. A actuación desta artista está nas liñas de programación que busca este ano TerraCeo de potenciar a visibilidade de artistas locais ao tempo que reforza a presencia de mulleres artistas.
As últimas entradas para os concertos de Pat Metheny, Ángel Stanich e MaríaSOA, aínda poden conseguirse na plataforma TeuTicket. En caso de chuvia, as actuacións de Stanich e MaríaSOA pasarán da terraza á sala principal do Auditorio Mar de Vigo.