A nova faceta musical do escritor e editor vigués Francisco Castro comeza o vindeiro venres, 12 de abril, cun concerto na Estrada co que arranca a xira de presentación do seu primeiro disco «Agora é o tempo» (Awanta Producións, 2023), que presentou o pasado mes de outubro en Vigo.
«A arte consiste en comunicarse unha persoa con outras persoas contándolles algo. No meu caso, tanto a escrita literaria como as cancións implican, sobre todo, moita corrección e moitas voltas a cada palabra, cambiar unha e outra vez ata que eu considero que xa é o definitivo. Para min son dúas maneiras de facer o mesmo», explicaba Francisco Castro nunha entrevista en Vigoé sobre a súa nova faceta musical.
Nesta ocasión, o concerto será no Teatro Principal da localidade a partir das 21:00 horas e para o que as entradas xa están a venda por 5 euros.
É o primeiro dunha xira que, ata finais do mes de agosto, levará ao músico vigués polos escenarios de toda Galicia.
No concerto, Castro e a súa banda interpretarán non só os temas do disco senón outras composicións do polifacético vigués nos que sobrancea o rock and roll pero onde tamén hai sitio para o pop, as baladas, o reagge ou incluso o ska.
Unha proposta ecléctica e participativa onde os ritmos vigorosos se mesturan cunhas letras coidadas onde o amor, a crítica social e a vida destacan como os temas máis traballados polo compositor.
A Banda dos Borges está conformada por sete músicos co que a proposta musical de Francisco Castro roza a Big Band para ofrecer un dos espectáculos máis potentes da escena musical galega actual.