A Orquesta Clásica de Vigo presenta o programa de ‘Escoitas‘, título da nova temporada 2022-2023, que conta co apoio do Concello de Vigo, unha oda ao teatro que amosará aos espectadores o valor da representación en directo.
Na presentación participaron o alcalde de Vigo, Abel Caballero; o director artístico da orquestra, Manuel Martínez Álvarez-Nava; e o director técnico e responsable de programación, Manuel Martínez Torres, quen explicou que «a través de cinco concertos, que ofrecerán distintas escoitas, mostraremos un punto de vista diverso e vivo deste paraugas complexo que é a música sinfónica. Nesta nova tempada queremos escoitar obras tan diversas en estilos como en procedencia e, sobre todo, poñer en valor a impronta da nosa orquestra sobre elas».
O obxectivo da orquestra coa nova tempada é ofrecer cinco escoitas coas que reivindicar o teatro como punto de encontro necesario para que o público descubra a diferenza de escoitar unha interpretación en directo.
Como en toda escoita, o espectador ten un papel fundamental para que a obra ocorra nun acto colectivo e determinado. E coas ‘Escoitas’, o público tamén fará unha viaxe por diferentes sonoridades. Desde ‘Elgar‘, un concerto do sinfonismo do cambio do XIX e XX, pasando polo ‘Concerto de Nadal‘ que busca elevar a música tradicional á categoría de vangarda, polo minimalismo de ‘Glass‘, a esencia galeguista dos anos 30 coa evocación do filme ‘Canto de emigración‘ de Pepe Coira e, finalmente, pola paixón e patetismo do concerto para piano de Chaikovski.
A tempada abrirase o vindeiro 22 de outubro, ás 20:30 horas, no Teatro Afundación de Vigo co concerto ‘Elgar‘, no que a orquestra contará co solista granadino Guillermo Pastrana, que interpretará o ‘Concerto para violonchelo e orquestra‘, do compositor británico Edward Elgar. Trátase dunha obra complexa, visceral e única. «É un orgullo poder abrir un novo ciclo de concertos con Guillermo Pastrana e que, ademais, interprete unha das obras máis fermosas compostas para violonchelo», sinala Manuel Martínez Torres, director técnico da Clásica.
O concerto para violonchelo e orquestra, composto en 1919 por Edward Elgar, é unha das pezas máis recoñecidas para este instrumento, sobre todo tralo paso na década dos anos 60 do século pasado polas mans de Jacqueline du Pré, artista que elevou esta obra á súa categoría actual. O programa do concerto completarase coa interpretación da ‘Suite xaponesa‘ de Gustav Holst, unha peza bastante inusual deste compositor, tamén británico. Así, as dúas obras conforman unha visión do mundo desde unha escoita británica.
Para abrir o concerto, a Clásica estrea ‘Tempestas‘, peza composta polo galego Ismael Amoedo, primeiro premio no ano 2019 do certame CreaClásica, posto en marcha pola Orquesta Clásica de Vigo coa colaboración da Fundación SGAE para fomentar a creación contemporánea en Galicia e apoiar aos músicos emerxentes. Ao longo da temporada haberá outras dúas estreas absolutas: ‘Preludio da noite sulagada‘, de Carme Rodríguez (segundo premio), e ‘Preludio e Fuga’, de Manuel María Veiga Lombardía (terceiro premio).