O Castelo de Sobroso acollerá o xoves 8 de setembro, ás 19.00h, unha nova sesión do programa ‘Música no Ar’ que a Deputación ten en marcha co obxectivo de levar a música clásica a espazos patrimoniais da provincia como pazos, mosteiros, igrexas, bens de patrimonio industrial, conxuntos etnográficos e espazos protexidos cheos de maxia e historia.
Aínda que a entrada é libre ata completar aforo, as persoas interesadas en acudir a esta cita deben inscribirse previamente no enderezo electrónico participa.cultura@depo.es
O encargado de conducir a velada será o Cuarteto de corda da VO430 composto por Mario Peris (violín l), Irene Cebada (violín ll), Javier Escobar (viola) e Isabel Figueroa (violonchelo) xunto con Raúl Reyes ao clarinete. Xuntos forman a sección de música de cámara da Orquestra de Vigo 430, a súa ampla formación orquestral outorgoulles a denominación Ensemble Vigo 430. Isto permítelles que creen variedade de agrupacións abordando repertorios e instrumentos de todo tipo. Nesta ocasión, Ensemble Vigo 430 adoptará a formación de cuarteto de corda para ofrecer a Op. 20 en Fa menor de Haydn e a de Quinteto con clarinete k.581 en La maior de Mozart.
‘Música no Ar’, enmarcado no amplo programa da Deputación de Pontevedra, ‘Con-Fiando Cultura’ ten como meta promover e garantir o acceso igualitario á cultura para todos e todas, amais de por en valor espazos da memoria, da arte e da identidade .