O concerto das Tanxugueiras será un dos grandes atractivos das próximas Festas do Cristo do Porriño. Sabela , Aída e Olaia recalarán na vila do Louro o 30 de setembro para ofrecer unha actuación que comezará ás 22:30 horas. A entrada será de balde.
As galegas, que deron un dos recitais de máis éxito este verán en Castrelos, regresan ao Porriño co seu novo disco ‘Diluvio’, que se presenta como unha viaxe de indagación e autocoñecemento.
As creadoras firman todos os temas do álbum e apostan pola reinterpretación da tradición galega a través da fusión con ritmos urbanos coa intención de achegar a música de raíz ao público máis novo.
O Concello do Porriño presentará “nos próximos días” a programación das Festas do Cristo 2022 que, xunto ás Tanxugueiras, vén cargada “de pratos fortes e actividades para todos os públicos”, segundo informa a administración local.