A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades informou este domingo que acaba de publicar a adxudicación da súa convocatoria de axudas ao talento musical galego, a través da que inviste máis dun millón de euros na promoción e difusión de 29 artistas e grupos musicais da man das súas 11 empresas promotoras.
As axudas estás enmarcadas nas medidas que a Xunta de Galicia está a desenvolver a través do seu Hub Audiovisual da Industria Cultural. «Esta convocatoria para a promoción e difusión de proxectos musicais profesionais supón un salto cuantitativo e cualitativo respecto a anteriores axudas específicas para o sector musical, dirixidas maioritariamente á organización de festivais e concertos e á produción discográfica», sinala o Goberno galego nun comunicado.
Desta volta, contribúese directamente á promoción dos artistas en diferentes fases, que van desde a análise e implementación de ferramentas para o desenvolvemento do talento musical ata a internacionalización, pasando pola súa introdución e consolidación no seo da industria.
Proxectos unitarios e colectivos
Así, na modalidade A para propostas arredor dun só artista ou grupo, resultaron adxudicatarias as empresas Cas d’Oleiro para a promoción da banda Brath (30.800 euros); Culturactiva para Guadi Galego co que será o seu novo álbum, Roiben (36.695 euros); Lospregos para a creación, desenvolvemento e difusión do novo traballo discográfico de Budiño (29.115 euros); Nordesía Producións para A Pedreira, o proxecto en solitario de Ugia Pedreira (28.925 euros); Xabier Díaz (40.000 euros), e Xonix Records para a carreira musical de Pauliña (29.925 euros).
Na categoría B, apóianse cinco promotoras para levar a cabo proxectos de difusión arredor dun mínimo de catro solistas ou bandas, con subvencións que van dos 110.000 aos 200.000 euros. É o caso de Boyanka Kostova, Carlangas, Niños Mutantes, Ortiga e Shego, presentados por Ernie Producciones (130.925 euros); Eladio y Los Seres Queridos, Furious Monkey House, Pablo Lesuit e Xoel López, por EsmerArte (200.000 euros); Ailá, Astarot, Quico Comesaña, Luar na Lubre e Sés, por Kalderon Producciones (200.000 euros); Adhara & Ritman, La Casa de Los Ingleses, Robert Pier e Sheila Patricia, por MusicArte Rey Saavedra (110.000 euros) e García MC, Laura Lamontagne & Pico Amperio, Pakolas, Sondarúa e Tanxugueiras, por Play Plan Cultural (200.000 euros).
As contías adxudicadas, que se distribuirán entre este ano e 2023, serán destinadas a asumir ata o 70% dos gastos de cada proxecto que teñan que ver con produción, comercialización e márketing, promoción e comunicación, distribución dixital, concertos e xiras, consultaría e persoal, entre outros.
Diálogo co sector
A apertura desta vía de apoio por parte da Xunta foi o resultado dun proceso de diálogo coa Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), colectivo que agrupa as principais compañías de management e axencias artísticas galegas, co obxectivo de apoiar toda a cadea de valor que permite o impulso das carreiras musicais.
A súa convocatoria materializouse como unha das liñas de acción deseñadas para o sector musical no marco do Hub Audiovisual da Industria Cultural, un programa extraordinario que suporá unha inxección económica de 9,6 millóns de euros nas industrias culturais e creativas galegas ata 2023. Este investimento estase a executar a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) dentro do Eixo REACT-UE do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da covid-19.