Este sábado 23 de outubro terá lugar, ás 20.30 horas no Teatro García Barbón, o concerto ‘Maldito Beethoven’, a segunda cita do ciclo Concertos Malditos, deseñado pola Orquestra Clásica de Vigo para finalizar 2021.
O recital retoma o programa cancelado o 29 de decembro de 2020 con actuacións dedicadas a Ludwig van Beethoven co gallo do seu 250 aniversario. O compositor alemán é fundamental para entender á orquestra como feito sonoro, polo que celebrar a súa obra e memoria é unha tarefa sempre enriquecedora tanto para músicos como públicos.
O programa do 23 de outubro convértese, así, nun monográfico de luxo que xirará arredor dunha obra esencial do compositor alemán: o ‘Concerto para piano e orquestra n. 4 en sol maior’, que será posto en relación á ‘Sinfonía n. 3 en mi bemol maior’. O concerto será interpretado polo solista Severino Ortiz Rey. Dirixe a orquestra Manuel Martínez Álvarez-Nava.
As entradas para esta nova cita coa Clásica de Vigo están á venda a través da internet. Tamén estarán dispoñibles na billeteira do teatro antes do concerto. O prezo é de 5 euros para menores de 30 anos.
A Orquestra Clásica de Vigo pecha este 2021 recuperando tres concertos que a pandemia deixou aparcados. O ciclo Concertos Malditos da Clásica busca poñer en valor o traballo dos músicos e músicas que, nun plano secundario, sufriron cancelacións, cambios de normativas e a imposibilidade de facer chegar a súa arte ao público.