Carlos Núñez ofrecerá novamente un concerto de verán no miradoiro de Monteferro como parte da xira conmemorativa do 25 aniversario de ‘A irmandade das estrelas’. O gaiteiro internacional, que debutou o ano pasado neste marabilloso escenario natural esgotando as entradas en sendas citas de ‘Lugares Máxicos’, ofrece nesta ocasión un concerto baseado no seu primeiro disco (que Sony Music reeditará en vinilo e sae á venda o 2 de xullo). A cita terá lugar o 7 de agosto ás 20:00 horas para fusionar novamente música e natureza co espectacular solpor deste balcón cara ao Atlántico. As entradas están xa á venda a través da internet cun custe de 20 euros (máis gastos de xestión). O aforo será reducido por mor das circunstancias sanitarias.
“O concerto de Monteferro foi a sorpresa do verán pasado para todos nós. Os artistas e o público sentimos dende a primeira nota que estabamos a vivir unha experiencia única. Como unha peregrinación musical a un paraíso fronte ao mar, na que fixemos amigos que viñan de todas partes. E como unha gran familia, prometemos facer tradición e reencontrarnos un ano despois”. explica o músico.
Novamente, co obxectivo de respectar ao máximo á singularidade deste espazo natural e de facelo coa mínima intervención, só se reservarán cadeiras para persoas con problemas de mobilidade, xa que o obxectivo é gozar da música sentados no propio chan, nun ambiente íntimo e en comunión coa contorna.
“Monteferro é un deses paraísos onde as veces veño a tocar, na intimidade, só para min e para a natureza. Porque ten un dos solpores mais impresionantes do mundo. A diferencia cos de lugares como Bahía, Rio de Janeiro, ou California é que, mentres que alí a xente aplaude como se o sol e a terra ofrecesen un espectáculo, nós sentimos ese intre como unha cerimonia. Segundo os nosos arqueólogos, os antigos habitantes de Monteferro e dos castros da costa de Galicia xa sabían moito de todas estas cousas”, sinala o propio Carlos Núñez, quen levará a súa xira a lugares entre outros como o Dolmen de Menga (Málaga), os Xardins da Atalaya en Xerez, a Ciudadela de Jaca, a Quincena Musical Donostiarra ou a Clausura do 50 aniversario do Festival Interceltico de Lorient.