Os concertos de Carlos Núñez no Miradoiro de Monteferro en sesión solpor e matinal, que estaban previsto para o 15 e 16 de agosto, serán trasladados ao fin de semana do 29 e 30 de agosto.
Os espectáculos, que forman parte da xira ‘Lugares Máxicos’, foron aprazados por mor da choiva neses días. Mantense a validez das entradas para os concertos nas sesións equivalentes, puidendo quen o desexe solicitar a devolución dos cartos. Asemesmo, desde mañá Ataquilla porá á venda ás entradas que quedasen dispoñibles a un prezo de 20 euros. En concreto, as do día 15 ás 20:30 serían agora para o día 29 de agosto ás 20:00 horas e a matinal do día 16 ás 10:30 terá lugar o 30 de agosto ás 11:00.
«Monteferro é un deses paraísos onde as veces veño a tocar, pero na intimidade, só para min e para a natureza. Porque ten un dos solpores mais impresionantes do mundo. A diferencia cos de lugares como Bahía, Rio de Janeiro, ou California é que, mentres que alí a xente aplaude como se o sol e a terra ofrecesen un show, nós cecais sentímos ese intre como unha cerimonia. Según os nosos arqueólogos, os antigos habitantes de Monteferro e dos castros da costa de Galicia xa sabían moito de todas estas cousas…. É todo un santuario frente ao mar que garda mensaxes milenarias debuxadas nas súas pedras, os seus petroglifos falan de historias fascinantes tan variadas que van dende a coroación dun rei na prehistoria, ate ritos de fecundidade. Algunhas das formas daquelas cerimonias perviviron nas nosas músicas, que sobreviviron a través da tradición, como as alboradas, que evocaremos no concerto matinal», indica o propio Carlos Núñez en referencia a sendos eventos. «Cumprirei o soño de compartir esas experiencias cos meus amigos músicos e co noso querido público. Seremos unha gran familia!», finaliza o gaiteiro internacional, que ten tocado en lugares tan singulares nesta xira ‘Lugares Máxicos’ como o Mosteiro de Oseira, o Dolmen de Dombate ou a Catedral de Mondoñedo.
Como xa se anunciara, serán uns eventos cun aforo moi reducido por mor das circunstancias sanitarias e polo propio espírito destes concertos nos que o músico galego busca unha especial sinerxia entre o público e a natureza ao facelos coincidir co momento do solpor e da saída do sol. Serán, como prometeu o artista, dos concertos únicos e cargados de emoción.
Só se reservarán cadeiras para persoas con problemas de mobilidade, xa que o obxectivo é gozar da música sentados no propio chan, nun ambiente íntimo e en comunión coa contorna. Tampouco se disporá de W.C.
O Concerto seguirá rigorosamente todas as medidas de seguridade Covid-19, con distanciamento entre asistentes non conviventes, direccións de entrada e saída diferentes, uso obrigatorios de máscaras… Recomendando a organización encarecidamente chegar ao concerto con antelación suficiente para evitar calquera aglomeración, polo que o recinto estará aberto desde unha hora antes.