A Deputación de Pontevedra, a través do departamento de Memoria Histórica, vén de habilitar este martes a inscrición para asistir á ‘Gala da Memoria’, un evento musical e audiovisual aberto ao público que contará coa participación dun cartel de luxo: Uxía, Sheila Patricia, Pedro Pastor, Wöyza, García MC, Su Garrido Pombo e Eladio Santos. Poranse enriba do escenario unha miscelánea de artistas de moi diferentes xéneros que coas súas voces, en solitario e a través de duetos e colaboracións, homenaxearán ás vítimas da ditadura co gallo do 85 aniversario dos asasinatos de A Caeira.
Todas as persoas que queiran asistir poderán facelo ata completar aforo (772 prazas) totalmente de balde, mais será preciso reservar praza previamente no formulario dispoñible en depo.gal. O espectáculo pretende ser unha nova oportunidade para visibilizar que a música é unha ferramenta poderosa e unha boa aliada da memoria histórica para reivindicar, xerar emocións, e conectar co público a través tamén do humor, rebeldía, irreverencia e compromiso. No evento haberá espazo tamén para a creación audiovisual de Juanma Lodo, un dos talentos da vídeocreación galega.
Haberá unha grande participación de xente moi nova. María Lado e Lucía Aldao (Aldaolado) -un dúo moi coñecido en toda Galiza, caracterizado por estar formado por dúas poetas que utilizan moito o humor nos seus espectáculos- serán as conductoras do acto, abordando a memoria na provincia a través de pequenos monólogos.
Aldaolado darán paso a varias das artistas que participaron no documental Acorda, rescatados tamén para a gala: Eladio Santos, Sheila Patricia e Su Garrido Pombo, así como Lois Pérez, guionista e condutor do documental, ademais de Uxía, que é a responsable da dirección artística do acto.
No caso de Eladio Santos, ademais da peza do documental presentará algún tema novo dentro da temática da memoria, ao igual que Sheila Patricia, unha revelación para moito público pola súa capacidade de emocionar e trasladar sentimentos, algo que conseguiu en Acorda coa canción ‘Manolo mío’.
Su Garrido Pombo é outra das participantes na gala, unha das cantautoras máis sobresaíntes do panorama galego que produce e traballa con loops, algo que permite unha sonoridade moi diferente que se une a un discurso moi comprometido. Ela, xunto con Uxía, fixo a banda sonora de Acorda, que será protagonista no Pazo da Cultura. A gala servirá tamén para dar a coñecer outras músicas e novos talentos emerxentes.
Pedro Pastor, fillo de Luis Pastor e sobriño de Pedro Guerra, que leva no ADN o compromiso da súa familia, vai traer a Pontevedra –estará por primeira vez en Galiza nunha gala- unha peza de moito impacto co seu vídeoclip titulada ‘Los Olvidados’, ademais de outras do seu último traballo ‘Vueltas’.
Ademais, o Pazo acollerá o soul e hip hop e música persoalísima de Wöyza, unha muller cunha grande traxectoria que agora mesmo está a traballar nun proxecto novo chamado ‘The Galician Messengers’, no que rescata cancións da tradición galega e medieval, cun repertorio integramente en galego do que traerá unha pequena mostra en formato dúo cun DJ.
García MC, outro dos talentos do hip hop galego con moita proxección en Latinoamérica, será o que completará o elenco facendo gala do seu compromiso co idioma, a identidade e a memoria.