A 27ª edición do Festival de Jazz de Cangas, Canjazz 2024 comenzará este domingo, 18 de agosto, nunha nova edición que ofrece un cartel de catro días con propostas que abranguen dende o jazz máis clásico ata as tendencias máis experimentais e contemporáneas.
Así, o Canjazz 2024 celebrarase do 18 ao 21 de agosto no Eirado do Costal e un ano máis destaca pola súa diversidade de estilos, raíces e culturas, cunha gran presenza de artistas internacionais.
Programa Canjazz 2024
O domingo 18, o festival comezará co jazz máis experimental de mans de Raw Fish, grupo danés-italiano que combina punk, indie rock e música improvisada “nunha nave espacial”. Aseguran que tras os seus concertos, non é raro escoitar comentarios como «Que loucura», «Foi incrible» ou «Que raio foi iso!». Formado polo guitarrista Teis Semey, o batería Giovanni Iacovella e a ecléctica cantautora Marta Arpini, este trío navega sen esforzo por terras descoñecidas e sons nunca antes escoitados. Armados cun beatmaker MPC, guitarras, sintetizadores, batería e un portátil presentarán o seu álbum debut, «Crudo» (Loumi Records), lanzado o 26 de abril de 2024.
A continuación poderemos escoitar na Taberna Cambika a Los Guachos, banda composta polo trompetista arxentino Gabriel Saitto e os vigueses Guillermo Guerrero (guitarra), Juan Alonso (contrabaixo) e Juan Guerrero (batería). Interpretarán temas propios e arranxos influenciados polo folclore sudamericano e o hard bop. Ao remate, terá lugar unha jam session.
O luns 19, o Eirado do Costal acollerá a actuación de CU4TRO, banda formada por catro pesos pesados do jazz. No escenario estarán o saxofonista cubano Ariel Brínguez, gañador de tres Grammys; o virtuoso guitarrista extremeño Javier Sánchez; o contrabaixista cubano Gastón Joya; e o batería bilbaíno Borja Barrueta, colaborador habitual de artistas como Perico Sambeat, Javier Colina ou Jorge Drexler. Este cuarteto naceu da vontade de xuntar sensibilidades afíns para crear unha música que transcende xéneros e fronteiras, explorando un folclore universal que nos conecta a través do tempo e o espazo.
A velada seguirá unha noite máis na Taberna Cambika, co proxecto liderado pola cantante, compositora e ilustradora compostelá Gloria Pavía. Nesta ocasión a artista tocará a cuarteto acompañada por Héctor Agulla (batería), José Manuel Díaz (contrabaixo) e Dani Font (guitarra) cos que interpretará clásicos do jazz e da música moderna.
O martes 20 poderemos desfrutar da actuación de cantante británica de orixe irlandesa e palestina Sara Dowling, unha das voces máis relevantes e con maior talento de Europa, recoñecida en 2019 como mellor vocalista nos British Jazz Awards. O seu son é unha animada fusión de nostálxicas harmonías clásicas e intensos ritmos post-bop americanos de finais dos 60. Pode presumir dunha voz cunha enerxía irresistible, potente e segura, e un enorme poder comunicativo e musicalidade innata. A formación complétase co prestixioso pianista Albert Sanz, o contrabaixista Dario Di Lecce e o batería Esteve Pi.
A noite continuará no Ghato de Mar co concerto de Daniel Corral Modern Trio. Daniel Corral no piano, Diego Nogueira no baixo e David Taboada na batería, forman un trío moi influenciado por diferentes xéneros do Jazz, compaxinando algúns famosos standards cun repertorio moderno que os sintetiza dando un toque actual.
A última noite, mércores 21, será a quenda do proxecto liderado pola contrabaixista galego cubana Yudit Almeida, que presentará o “Canto das Sereas”. Este é un proxecto de jazz programático composto por Almeida e interpretado xunto ás sereas Joana Raquel (voz), Teresinha Sarmento (voz) e Catarina Rodrigues (piano); e o tritón Gonçalo Ribeiro (batería). Ela mesma defíneo como “unha revolución pacífica que busca a xustiza para todos os seres a través de sons de diferentes partes do mundo, co obxectivo de harmonizar as nosas diferenzas, así como fai a música.”
O Canjazz 2024 rematará como vén sendo habitual nos últimos anos cun concerto e jam session no Chiringo de Massó. O crooner Abel Trigó, nado en Alemaña e con orixes galegas, presentará o seu traballo “Brave New World” publicado polo selo berlinés Optical Records, no que se acompaña do pianista Sunil López, o contrabaixista Xurxo Estévez e o batería Roi Adrio. Trigó ten unha ampla traxectoria musical e un estilo que recorda a Mark Murphy, Sinatra ou Tony Bennett.