O ciclo Terrazas de verán traerá o cuarteto Acaí á Biblioteca Neira Vilas o vindeiro xoves, 1 de setembro, ás 19.30 horas.
O cuarteto Acaí reúne a catro experimentados músicos da escena do jazz galego en torno a un proxecto ideado para estudar e espallar o repertorio da música brasileira do século XX.
A riqueza da música brasileira e a súa proximidade ao mundo do jazz fan deste un proxecto musicalmente moi ambicioso e atractivo para os seus compoñentes. Nas súas primeiras gravacións revisaron temas de Tonhito Horta, Chico Buarque e Antonio Carlos Jobim ou Milton Nascemento. A idea é abarcar un período amplo da música brasileira, desde Cartola ata Caetano Veloso, Djavan, Guinga ou Chico Pinheiro.
A banda está composta polo cantante e multiinstrumentista Rubén Fernández, o guitarrista Felipe Villar, o contrabaixista cubano-galego Jose Manuel Díaz e o percusionista brasileiro-galego Paulo Silva. Os catro músicos gozan de gran recoñecemento no eido do jazz galego e os catro son apaixonados amantes da música brasileira.
A música deste cuarteto pretende ser moi respectuosa coa tradición musical do Brasil ao mesmo tempo que fiel ás súas expresións e sonoridades máis contemporáneas.
O concerto terá lugar no xardín posterior da Biblioteca Municipal Neira Vilas.