O Coro de Cámara Rías Baixas participa esta fin de semana no 18º Festival de Música Sacra de Vigo, unha cita xa consolidada no calendario cultural da cidade. A formación ofrecerá dous concertos: o primeiro terá lugar o sábado 12 de abril, ás 19:00 horas, na Igrexa dos Picos (Calvario), e o segundo será o domingo 13 de abril, ás 19:45 horas, na Basílica de Santa María, no corazón do Casco Vello. Ambos concertos serán de entrada libre ata completar aforo.
O repertorio que presentarán destaca pola súa riqueza e variedade, nun percorrido pola música sacra que abrangue dende o Renacemento ata a actualidade. O público poderá escoitar obras de autores como Tomás Luis de Victoria, William Byrd, John Tavener, ou Serguéi Rachmaninoff, ademais de música coral contemporánea como a da compositora británica Kerensa Briggs e unha peza do propio director da formación, Brais González. Un programa diverso que convida ao recollemento e á emoción, e que pon en valor a forza expresiva da música coral sacra en diferentes estilos e linguaxes.
Fundado no ano 2014, o Coro de Cámara Rías Baixas é unha formación de referencia no panorama galego. Ao longo da súa traxectoria realizou máis dun cento de concertos, abordando obras fundamentais do repertorio coral e colaborando con entidades como Amigos da Ópera de Vigo, Caspervek Ensemble, a Orquestra Vigo 430 ou a Real Filharmonía de Galicia. Ademais de participar en festivais destacados, o coro promove producións propias co obxectivo de difundir o repertorio coral e visibilizar tanto a compositores galegos como novos talentos solistas.
Na actualidade conta cunha vintena de cantores e, segundo a natureza de cada proxecto, amplía a formación para ofrecer montaxes de maior envergadura. A súa proposta artística combina rigor musical, sensibilidade interpretativa e un firme compromiso coa difusión da música coral.
Estes dous concertos enmarcados no Festival de Música Sacra de Vigo ofrecen unha nova oportunidade para achegarse á calidade e á emotividade do traballo desta formación. Un plan perfecto para quen desexe comezar a Semana Santa cunha proposta cultural diferente, aberta a todos os públicos.