Este venres dá comezo unha nova edición do Sinsal Outono, ciclo de concertos vinculados á experimentación e á creación contemporánea que se desenvolven en espazos singulares do municipio en colaboración co Concello de Vigo. Nesta ocasión, o evento propón catro xornadas nas que recupera o carácter experimental e nas que contará cunha vertente divulgativa.
Así, Sinsal Outono ofrecerá ao público unha programación que aposta por unir sobre o escenario a artistas de disciplinas diferentes, ao mesmo tempo que pon o foco en expresións e manifestacións vinculadas á vangarda menos visible para a cidadanía: o Conservatorio Superior de Música de Vigo acollerá dúas charlas e o Museo de Arte Contemporánea (Marco) centralizará as exhibicións artístico-musicais.
Sinsal Outono comeza cunha charla arredor da dimensión electroacústica e multimedia na música de nova creación. O artista vigués Pedro González participará neste parladoiro aberto ao público este venres ás 12.00 horas. Xa o martes 2 de novembro, ás 16.00 horas, Henrique Portovedo achegará a súa visión sobre a confluencia da música contemporánea portuguesa coa electrónica no parladoiro ‘Do acústico ao HASGS. Presentación do Hybrid Saxophone of Gestural Symbiosis’. As dúas charlas, que terán lugar no CSM de Vigo, contan coa colaboración do Instituto Camoes.
Na tarde do domingo 31, entre as 19.30 e as 22.00 horas, unha das salas de exposición do Marco acollerá as propostas de Multiplensemble e Marta Verde & José Venditti. A primeira das actuacións, baixo o título Plasma, chegará da man de Rafael Yebra no saxofón e do vigués Pedro González no violín e electrónica. O dúo combinará as posibilidades que ofrece a electrónica e videocreación como mostra do panorama que se está a cocer na actualidade musical de nova creación. De seguido, será a quenda de Omen, a performance de artes visuais ao vivo que ofrecerán Marta Verde e José Venditti. O proxecto parte da idea do presaxio ou augurio (Omen), coa intención de achegar ao público, a través dos límites entre melodía e ruído, a posibilidade de imaxinar outros mundos posibles a través da abstracción sonora e visual.
Na noite do día 1, entre as 19.00 e as 21.15 horas, o recoñecido saxofonista luso Henrique Portovedo, especializado en música electroacústica e multimedia, presentará no Marco un programa para saxofóns, electrónica e vídeo para achegar ao público unha realidade na que se configuran múltiples horizontes. A continuación, terá lugar a estrea de Dead Line, unha iniciativa creada especificamente para a ocasión e que conta con dúas figuras representativas da creación contemporánea galega: Juanma LoDo e Acacia Ojea. O dúo presentará Nexø, un proxecto audiovisual resultado dunha investigación conxunta de exploración das marxes da luz e o son. Nexø, que parte do termo ‘nøkke’ (espíritu da auga) e ‘sæ’ (mar), é a unión de dous xeitos de escoitar e ver o mundo e que se inspiran nas texturas sonoras e visuais do mar.
As entradas para asistir aos concertos dos días 31 de outubro e 1 de novembro están a venda na plataforma Enterticket, cun prezo de 12 euros (máis gastos de xestión).