A Banda de Gaitas da Provincia de Pontevedra ofrecerá este sábado, 27 de maio, un concerto gratuíto na Igrexa de Santo Domingo de Tui. A actuación está encadrada do seu ciclo de Música e Lingua ‘Na Esencia do Camiño’.
Despois do éxito logrado cos concertos celebrados hai uns meses na Concatedral de Vigo, na Colexiata de Baiona e na Igrexa de Santiago de Betanzos, o espectáculo previsto en Tui pretende ser un percorrido polos sentidos. Será unha cita singular cunha coidada iluminación e onde a poesía, a luz, o son e o vídeo serán os grandes protagonistas.
A Banda de Gaitas contará coa colaboración da cantante Noelia Álvarez, o tenor Enrique A. Martínez e o coro Allegro de Vigo, así como contará coa presencia de setenta artistas que levarán ao público asistente a maxia do camiño primixenio e a un percorrido pola música das culturas do camiño.
Haberá proxeccións na pedra e unha viaxe polos camiños a Santiago a través das súas poesías e músicas. O evento, patrocinado pola Xunta, comezará as 21:00 horas e a entrada é de balde ata completar o aforo.
Historia da Escola de Gaitas
Tras dar os seus primeiros pasos como asociación a principios do novo milenio e despois dunha importante actividade dentro e fora de Galicia, foi no 2005 cando naceu a Escola de Gaitas chegando a contar con distintos centros operativos en distintos puntos das comarcas de O Salnés, Deza, Morrazo, Pontevedra y Vigo.
Pola Escola de Gaitas, pasaron xa 5.000 alumnos e alumnas e, na actualidade, centra toda a súa actividade nas instalacións do Instituto Feiral de Vigo (Ifevi), xestionando ademais a Escola de Gaitas do Concello de Fornelos de Montes.
No 2019 se constitúe formalmente a Fundación Banda de Gaitas da Provincia co principal obxectivo é promulgar a valorización, o respecto e a transmisión nas xeracións tanto da música como da tradición galega. Un proxecto formativo que busca afondar na riqueza musical da gaita, a zanfona e a percusión, a través do desenvolvemento dun proceso de ensinanza e aprendizaxe onde se combinan coñecementos teóricos e prácticos sobre as técnicas específicas de interpretación e os seus valores culturais.
Entre os fitos máis destacados da Escola de Gaitas, a súa participación no Día da Hispanidade no 2003 en Nova York o Festival de Santa Lucia en Monterrey (México) no 2008, na saída da volta ciclista a España 2013 e na etapa final da volta ciclista a España no ano 2022.