O Bloque Nacionalista Galego denunciou a exclusión da música galega e en galego na programación de concertos da segunda edición do festival Terraceo, organizado polo Concello de Vigo, e que substitúe os grandes concertos de verán. Só dúas dun total de corenta actuacións son de grupos en lingua galega, concretamente as de Os Resentidos e Baiuca.
O concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, instou o Goberno local a rectificar unha programación que cualificou de «raquítica, empobrecedora e galegófoba». «O que merece a cidade é unha programación de concertos variada, que non deixe fóra a música en galego, e que non sexa deseñada segundo os gustos do alcalde, dun concelleiro ou dos seus produtores de confianza», reclamou.
Desde a fronte nacionalista salientan que a escena musical viguesa e galega ten «referencias de primeirísimo nivel e de grande potencia» con grupos e artistas que empregan a nosa lingua propia.
Igrexas subliña que o executivo de Abel Caballero está a tempo de corrixir ese deseño, toda vez o programa de concertos apenas vén de encetar o pasado 1 de maio. O portavoz municipal nacionalista reclama que «non se pode seguir deixando fóra a música galega e en galego na principal cidade de Galiza».