Dakidarría, un referente da música en Galicia, chegará o vindeiro 6 de maio á sala Master Club de Vigo para presentar o seu novo disco, ‘Colaxe’. Unha noite na que os acompañarán como convidados a banda La Quinkillada. A información das entradas está dispoñible na web do grupo. A banda, que vén de actuar no Viña Rock, comeza a rodar coa súa xira ‘Colaxe Tour 22’ en salas e festivais de toda a Península.
Esta será a primeira data confirmada ata o de agora. A este concerto seguirán outros en Santiago, Ourense, Madrid, Alicante e diferentes localidades de Castela e León ou Cataluña. A estas citas sumaranse outras proximamente.
‘Colaxe’ é o sexto disco de estudio de Dakidarría, onde o grupo percorre as diversas influencias musicais que o fixeron medrar e chegar ata o presente nun estado de forma envexable tras 18 anos de carreira.
Con ampliación da súa formación, a agrupación musical retoma a estrada neste 2022 para descargar a emoción, a enerxía e a adrenalina dos seus concertos en todos os lugares que sexa posible. Novas caras que darán máis fluidez e dinamismo a un espectáculo que, se antes era incendiario, agora pasa a ser explosivo. Unha combinación que pretende arrasar os palcos e que vai deixar pegada na escena musical galega.
‘Colaxe’ conta con numerosas colaboracións de bandas e músicos como Boikot, Evaristo (La Polla Records), Inadaptats, High Paw, Xavi Solano (Esne Beltza), En Tol Sarmiento, Menina Arroutada e algunhas máis… pero destaca especialmente neste senso a canción ‘Pobo de Artistas’ onde a banda, en coautoría con Tanxugueiras e O Rabelo, pon en valor a escena musical galega actual cantando xunto a case 100 grupos e artistas do país.
O disco foi gravado en A Carpintería, estudio de gravación que Dakidarría abriu o pasado ano e polo que xa pasaran algunhas bandas a rexistrar a súa música. Mesturouse e masterizouse en Santa Cruz Recording Studios de Oleiros por Alber Castro, técnico de son da banda dende hai máis dunha década.