A segunda edición do concurso de bandas Salvaxesons, organizado por The Wild Fest, celebra esta primavera cinco duelos entre bandas galegas no centro comercial Vialia de Vigo. Esta é a segunda fase do certame, logo de que o xurado seleccionase dez grupos entre as máis de 30 propostas recibidas.
Os duelos son enfrontamentos musicais entre dúas bandas, abertos ao público, que terán lugar no escenario foodcourt do centro comercial. Sucederán cinco venres de maio e xuño ás 20:15h e estarán presentadas polo xornalista Rafa Valero, cofundador de CÍES podcast e corresponsal de Marca en Vigo.
As dez bandas que subirán ao escenario son Sanny e Niño Lobo (3 de maio), Martin Human e Law (10 de maio), Lelli Kelly’s e Gargantúa (24 de maio), Superglú e Froján (31 de maio) e The Broke e Lontras (7 de xuño). Unha ecléctica representación do máis novo da música galega na que atopamos punk, indie, pop, funk, hard rock ou americana.
Vialia
Unha das grandes novidades desta segunda edición é o cambio de escenario dos duelos, que se mudan ao Centro Comercial Vialia Estación de Vigo, un espazo que, coa chegada do bo tempo, atrae a centos de vigueses á súa zona exterior, para desfrutar das instalacións e as actividades culturais que programan. A colaboración entre The Wild Fest e o centro comercial permite que o impacto do concurso de bandas aumente, xa que se amplía o espazo para o público, mellórase o equipo técnico dispoñible e increméntase a contía dos premios.
«Para Vialia Estación de Vigo é un pracer acoller este tipo de iniciativas que dinamizan a vida cultural da cidade e apoian aos talentos novos e emerxentes. Vialia Estación de Vigo convértese no mellor escenario e plataforma para promocionar a cultura. Para nós o compromiso local é fundamental e desde o centro comercial vigués seguiremos apostando por estas accións culturais tan importantes para o desenvolvemento da cidade. Aproveitamos para desexar moita sorte ás bandas finalistas do concurso Salvaxesons de The Wild Fest», señala Natalia González, responsable de marketing do Centro Comercial Vialia Estación de Vigo.
Xurado e sistema de votacións
A banda gañadora de cada duelo decidirase conxuntamente entre o público presente e o xurado profesional, que foi o encargado de seleccionar ás dez bandas que participan no duelo. O voto do público terá un peso do 70% , polo que é importante acudir a apoiar á nosa banda favorita.
O xurado, formado por cinco profesionais en diferentes eidos da música. Nesta segunda edición, Salvaxesons ten a sorte de contar con Alfredo Dourado, baixista e cantante do grupo A Roda desde hai 15 anos e xurado do programa ‘Traes unha cantiga?’, da TVG; Karla Lima, cantante de orquestra e televisión; Roberto Penas, avogado e escritor; Tania Rodríguez, vocalista na banda de rock e soul The Mirror, gañadora de Salvaxesons en 2023; e Pablo Vázquez, xornalista cultural na revista A Movida e autor do libro sobre música viguesa ‘Son da cidade’.
As cinco bandas gañadoras dos duelos recibirán un abono para desfrutar dos tres días de The Wild Fest e pasarán á terceira e última fase de Salvaxesons: unha actuación no escenario principal de The Wild Fest o venres 30 de agosto onde o xurado decidirá aos tres gañadores. Os premios serán de 1.000 €, 400€ e 300€. Ademais, o primeiro clasificado tocará de novo en The Wild Fest o sábado 31 de agosto, compartindo escenario con bandas nacionais de primeiro nivel.
Programa de duelos Salvaxesons II
Todos os concertos son ás 20:15h no CC Vialia de Vigo
- Venres 3 de maio – SANNY vs. NIÑOLOBO
- Venres 10 de maio – MARTIN HUMAN vs. LAW
- Venres 24 de maio – THE LELLI KELLY’S vs. GARGANTÚA
- Venres 31 de maio – SUPERGLÚ vs. FROJÁN
- Venres 7 de xuño – THE BROKE vs. LONTRAS