Arrincan cun concerto na sala Capitol de Santiago este mércores, 7 de xullo; o 8 de xullo estarán na sala Playa Club da Coruña e o 10 de xullo pecharán con outra actuación na sala Rouge de Vigo.
Dr. Queen fórmase no ano 2000 cando un grupo de médicos platenses deciden unir os seus talentos en homenaxe ao grupo que no seu día formaron o cantante Freddie Mercury, o guitarrista Brian May, o batería Roger Taylor e o baixista John Deacon.
Jorge Bussetto, médico cardiólogo de formación, é o único membro fundador do grupo que hoxe continúa en activo, firme a un soño que os converteu na que é considerada por moitos como mellor banda tributo a Queen e que integran xunto a el na actualidade Álvaro Navarro na guitarra, Daniel Ronchetti, no baixo e Andrés Field, na batería.
Hoxe, 16 anos despois, manteñen o mesmo coidado e dedicación en todos os elementos que envolven o espectáculo e todos os seus integrantes cumpren estritamente o papel asignado dentro da banda, tanto no aspecto musical como no estético. Así, o extraordinario parecido entre os catro británicos e os integrantes de Dr. Queen é un dos primeiros impactos que recibe o público.
O vestiario, os peiteados, a iluminación e os movementos estúdanse minuciosamente para que todo se axuste ao patrón da banda inglesa. Tanto é así que se varía o estilismo en función dos temas que se toquen, exhibindo ata 15 vestiarios distintos en cada actuación, posto que cada un corresponde a unha época determinada dentro da historia musical do grupo.