As propostas en directo do portal «Afundación en casa» da Obra Social de Abanca continuarán este luns, 30 de marzo, ás 17.00 horas, co proxecto «Cantemos xuntos», impulsado pola música e cantante profesional Esperanza Mara. A iniciativa ten como obxectivo divulgar a música clásica e a tradición oral popular entre o público infantil.
Este obradoiro lúdico musical estrutúrase ao redor de conceptos básicos da linguaxe musical e a interpretación vocal. Dirixido a un público familiar, para que adultos e nenas e nenos gocen aprendendo, terá un carácter interactivo e incluirá tamén obradoiros audiovisuais e concertos de pequeno formato. Dirixido e protagonizado por Esperanza Mara, cantante, violonchelista, profesora e monitora de musicoterapia, poderase seguir en directo en «Afundación en casa» os luns e os venres ás 17.00 h.
«Afundación en casa» é o novo portal web de acceso libre e gratuíto, creado a instancias de Abanca e a súa Obra Social, no que se verte, durante esta etapa, toda a actividade que o equipo de Afundación continúa planificando e desenvolvendo desde os seus domicilios.
Desde casa, a Obra Social de Abanca ofrece contidos en directo e actualizacións permanentes, tamén na súa modalidade online, como a entidade galega de referencia no seu ámbito. Cun fondo vivo, «Afundación en casa» reflicte a intensidade e calidade da programación da Obra Social de Abanca.
«O obxectivo é acompañar á sociedade no súa deber de permanecer na casa, ofrecendo múltiplas opcións mediante as que continuar formándose e crecendo dun xeito accesible e seguro», explica Afundación. Ademais, esta iniciativa permite manter a actividade económica nos distintos ámbitos de actuación, tanto a nivel interno da entidade, como na súa relación cos seus colaboradores externos.
Toda esta actividade, integrada por máis de 300, é facilmente accesible nos perfís das redes sociais de Afundación baixo a etiqueta #AfundaciónEnCasa.