Fillas de Cassandra vén de pendurar o cartel de «entradas esgotadas» para a presentación no seu novo directo, Últimas Dionisíacas, que terá lugar o 16 de febreiro no hall do Auditorio Mar de Vigo.
En menos de 10 días, o dúo conformado por María SOA e Sara Faro vendeu os 1.400 billetes dispoñibles para a cita; o que dá boa conta do momento que está a vivir o grupo, a gran revelación da escena musical do pasado 2023 tanto polas súas letras directas como pola forte conexión co público.
Últimas Dionisíacas é a nova proposta escénica e musical de Fillas de Cassandra, na que as artistas farán unha revisión dos temas máis recoñecidos do seu primero LP, Acrópole, desde unha electrónica máis escura e potente; ademais de recuperar algúns dos sinxelos publicados nos últimos meses e avanzar outros inéditos para o público.
Neste novo directo, a luz e a escenografía terán un papel moi relevante; e o dúo estará acompañado por outras dúas músicas sobre o escenario (Tania Caamaño e Marina Vidal). Alén deste formato, na estrea das Últimas Dionisíacas o vindeiro 16 de febreiro, Fillas de Cassandra contará coa colaboración de diversas artistas cuxas identidades aínda non saíron á luz.