As entradas para a cita de Vigo, que comezará ás 21.30 horas, están á venda na web Evenbrite a partir de 22 euros. A actuación terá lugar na véspera do inicio dos concertos de Castrelos, que arrancan o 17 de xullo con Ms Lauryn Hill.
Con este novo traballo, GIl volve ao ‘top’ mundial da música, con temas que falan da familia, das amizades, da vellez ou da enfermidade, pero tamén contra as patrullas ideolóxicas. Gil xa non ten medo da morte. Tampouco da vida. E así inaugura unha nova fase na súa carreira: o primeiro álbum da súa vellez, co que volve ao nivel da xenialidade. Mais isto non afecta ao seu directo, no que estará acompañado dunha excelente banda e unha das revelacións musicais no Brasil contemporáneo: Roberta Sá.
‘Ok ok ok’ trae a familia, os encontros do núcleo íntimo de amizades, a doenza que sufriu e aqueles que o axudaron a pasar por ela. Ao mesmo tempo, cuestiona a necesidade de posicionamento que lle é esixida pola sociedade. A produción musical do seu fillo Ben e a participación de amigos e familiares destaca o aspecto íntimo da obra.