O Concello da Guarda súmase ao circuíto de música ao vivo Musigal da Deputación de Pontevedra cunha das citas musicais máis agardadas deste verán na vila, o directo dunha das bandas galegas máis recoñecidas: Heredeiros da Crus. A actuación terá lugar o sábado 9 de xullo ás 22:30 horas na explanada do porto da Guarda.
Heredeiros da Crus leva escribindo a historia do rock en galego desde fai exactamente 30 anos. Os mesmos que leva en activo e durante os que segue o grupo con máis poder de convocatoria do noso acervo musical. Con dez álbumes no seu haber, os Heredeiros da Crus son o retorno constante á xenuidade xeracional que os converteu en autenticidade eterna e que trascende a toda evolución e a toda moda con temas que marcaron a vida de moitas persoas converténdose en auténticos himnos coma ‘Quero josar’, ‘Vaiche boa’ ou ‘Pero que ghallo é!’
Para o concelleiro de Turismo, Rafa Álvarez, esta será unha das citas musicais máis importantes para a vila en moitos anos, un concerto que vén enmarcado no programa Musigal da Deputación de Pontevedra e co financiamento da produción técnica a cargo do Plan Concellos, co que se quere resaltar a aposta pola música feita en Galicia, para continuar pondo A Guarda na escena da cultura activa.
Álvarez quixo lembrar tamén outra das citas importantes deste verán na Guarda como é o Festival Mar de Blues, que terá lugar xa esta mesma fin de semana (1 e 2 de xullo) na Praza do Reló e que traerá á Guarda a músicos internacionais coma Will Jacobs, Remi Bankyln ou Julian Vaughn.