O edil de Cultura asegurou que o Outono Lírico destaca pola súa «calidade, prestixio e recoñecemento» en ámbitos nacionais e internacionais, ocupando espazo na prensa especializada. Rodríguez eloxiou a «singular transcendencia» do programa dentro do panorama cultural vigués e avanzou o «compromiso de apoio permanente» do goberno de Vigo.
Os protagonistas desta edición do Outono Lírico serán «O holandés errante», de Richard Wagner, que abrirá a programación o 29 de setembro, e «Macbeth», a ópera de Giuseppe Verdi, que será representada o 4 de novembro, en ambos casos no Teatro Afundación, en García Barbón. En ambos casos, as entradas xa están á venda desde 15 euros, prezo reducido grazas ao apoio do Concello e do resto de patrocinadores, segundo subliñaron os responsables de Amigos da Ópera, que celebra este ano sesenta anos desde a súa fundación.
En paralelo, explicaron, a organización celebra un ciclo de conferencias de entrada gratuita que arrancan o 26 de setembro ás 20 horas, no teatro sala de concerto Afundación, cun relatorio do profesor da Universidade de Bayreuth, Enrique Gavilán, titulada «A maldición romántica: O holandés errante». As tres seguintes terán lugar no centro social Afundación, tamén ás 20 horas, cos seguintes encabezamentos: «Do Tamberlick a Amigos da Ópera: a aventura da lírica en Vigo», o 19 de outubro; «A propósito de Macbeth», o 2 de novembro; e «A vida e arte de Hans Hotter: unha frecha no tempo», o 6 de novembro.
Ademais, Outono Lírico complétase con cine, no Auditorio municipal do Concello ás 20 horas. A organización programa a proxección de «Pandora e o holandés errante» o 9 de outubro, protagonizada por Ava Gadner, e do filme «Macbeth», dirixido por Orson Welles, o 23 de outubro. O público terá acceso de balde ao recinto ata completar aforo.