O rock de vangarda de Maika Maikovski, ese abano de cancións escritas e convertidas en himnos por Sés nos últimos anos e o pop sen complexos da banda galega Oh Ayatollah! inzarán de música os días centrais do XVIII Festival de Cans, que se celebrará do 1 ao 4 de setembro.
Dous dos proxectos musicais galegos de maior éxito dos últimos anos e a presentación en directo, por primeira vez en Galicia, do novo traballo de Maika Maikovski, o álbum ‘MK MK’, porán a música a dialogar co cinema no ano no que o Festival de Cans cumpre a súa maioría de idade.
O concerto de Maika Makovski terá lugar na noite do venres 3 de setembro (23.30 horas) e o prezo das súas entradas será de 5 euros. Sés pechará o certame o sábado 4 de setembro (23.30 horas) e a súa actuación terá un prezo de 7 euros. Para o concerto de Oh Ayatollah!, previsto para ás 19.30 horas dese mesmo sábado, a entrada será de balde, pero resulta obrigatoria a inscrición previa. A merca de entradas e a inscrición para as actividades de balde baixo rexistro xa poden tramitarse na tenda en liña do evento.
Os concertos celebraranse na Leira do Río. O seu aforo será limitado para gardar a distancia de seguridade, tal e como xa aconteceu no último ano. A carpa, con capacidade para máis de 300 persoas, está aberta por todos os seus lados e “garante as condicións para a celebración de concertos”, segundo explica o Festival de Cans.
Por outra banda, despois da oferta de lanzamento con prezo especial das entradas para as seccións de ficción e animación, este xoves sairán á venda as últimas entradas dispoñibles a un prezo de 12 euros, así como as localidades para a sección Furacáns de non ficción. Só haberá 100 billetes á venda, a un prezo de 6 euros, para esta sección.