O Auditorio Mar de Vigo segue sumando nomes ao seu ciclo de artistas internacionais Xacobeo Vigo, que terá lugar no recinto de Beiramar ao longo de todo o verán. A última incorporación ao cartel é Mayumaná, a excepcional banda de percusión israelí, que presentará en Vigo o seu novo espectáculo ‘Currents’, o 18 de setembro.
A banda, que actuou en máis de vinte países ante máis de 15 millóns de persoas, presentará en Vigo este espectáculo inspirado na ‘Batalla das correntes’, a disputa histórica que mantiveron os dous empresarios e inventores Thomas Alva Edison, creador da corrente continua e Nikola Tesla, da corrente alterna que se utiliza ata hoxe. Esta disputa escenifícase nunha gran carga de enerxía sobre o escenario.
Ademais, o Mar de Vigo tamén suma á súa programación habitual o ballet de ‘El Lago de los Cisnes’, interpretado polo Ballet Clásico de Ucrania, un ballet clásico puro, que ten a súa sede na cidade de Járkov, e dirixido pola coreógrafa Natalia Kazatska. Este fermoso ballet de Tchaikovsky pasará por Vigo o vindeiro 16 de xullo.
Os concertos do Ciclo Xacobeo Vigo están a ter unha grande demanda de entradas desde que foron anunciados, e algúns van camiño de esgotar todas as localidades. É o caso dos históricos Texas, que actuarán na terraza do auditorio o 9 de agosto. Restan menos de 150 entradas para poder ver na terraza do Mar de Vigo á banda da cantante Sharleen Spiteri.
Outro dos artistas que xa cubriu máis do 70% do aforo é o guitarrista americano Steve Vai, que actuará no auditorio o día 17 de xullo, ademais do bo ritmo de entradas que leva a banda neozelandesa Fat Freddy´s Drop, cuxa actuación o 6 de xullo será a primeira que farán en Galicia, a onde regresará este verán Yann Tiersen co seu novo espectáculo ‘Electronic Set (Live A/V)’. A actuación de Cimafunk, unha das bandas cubanas máis internacionais do momento, trasladouse finalmente ao 26 de agosto. O seu último álbum ‘El Alimento’, foi elixido pola revista Rolling Stone como un dos 50 mellores discos de 2021, nunha selección de bandas de todo o mundo.
O Ciclo Xacobeo Vigo pretende ser un escaparate para dar visibilidade a grupos internacionais de diversos estilos. Desde a percusión incendiaria dos israelís Mayumaná, pasando polo pop dos escoceses Texas, ata o jazz ecléctico dos neozelandeses Fat Freddy´s Drop, o virtuosismo do guitarrista americano Steve Vai, a maxia de Yann Tiersen ou o funk sen complexos do cubano Cimafunk.
Por outro lado, esta fin de semana, o festival TerraCeo recupera a súa actividade e as actuacións á hora do solpor coa actuación de Ladilla Rusa, este sábado 28 de maio. Todas as datas dos espectáculos e prezos pode consultarse na web do Auditorio Mar de Vigo e na billeteira www.teuticket.com.
Artistas confirmados ata o momento:
- 6 de xullo – Fat Freddy’s Drop – Terraza do Auditorio Mar de Vigo
- 17 de xullo – Steve Vai – Auditorio Mar de Vigo
- 22 de xullo – Yann Tiersen – Auditorio Mar de Vigo
- 9 de agosto – Texas – Terraza do Auditorio Mar de Vigo
- 26 de agosto – Cimafunk – Terraza do Auditorio Mar de Vigo
- 18 de setembro – Mayumaná – Auditorio Mar de Vigo