Os integrantes da agrupación participan este sábado na reforestación dos 7.000 metros cadrados do Bosque de Maeloc con especies autóctonas, estarán presentes na inauguración dun monumento e pecharán a xornada cun concerto na carballeira de Chandebrito, xunto ao campo de fútbol.
Organizado pola Comunidade de Montes de Chandebrito e a Asociación de Veciños, e a colaboración da Deputación de Pontevedra a través do Musical, o festival Chandefolk deste ano contar cuns protagonistas de excepción, os integrantes de Milladoiro cunha homenaxe especial a Antón Seoane (guitarra, acordeón e teclados de 1979 a 2013), veciño de Camos e membro fundador da agrupación.
Ademais, xunto a Seoane, os actuais membros da banda colaborarán durante a tarde do sábado na plantación do futuro ‘Bosque de Maeloc’ en 7.000 metros cadrados queimados nos incendios de 2017 na zona coñecida como ‘outeiro das Laxes’, esta superficie será reforestada con especies autóctonas e, ao finalizar, descubrirase, na súa honra, un monumento alusivo ao grupo realizado con pedra da canteira de Chandebrito Lemmar Granite que renderá homenaxe aos 40 anos da publicación do seu primeiro disco ‘A Galicia de Maeloc’.
Nesta terceira edición marcada polas circunstancias sanitarias, mantense a gratuidade pero haberá un límite de aforo para garantir a seguridade dos asistentes e, de xeito excepcional e polo mesmo motivo, non se realizará a clásica observación das perseidas posterior ao concerto. Como nos demais eventos musicais do Concello, as mochilas vibratorias estarán a disposición de toda aquela persoa xorda que desexe sentir a música (deben solicitalo a traves de info@entresignos.com), precisamente foi en Chandefolk o ano pasado cando o Concello as estreou.
‘A Galicia de Maeloc’, é o primeiro álbum de estudio do grupo tradicional galego Milladoiro fundado por Antón Seoane e Rodrigo Romaní. Foi gravado nos estudos Audiofilm de Madrid en febreiro de 1979 e publicado en 1980, sendo o primeiro disco galego en editarse no mercado francés e o primeiro na historia do folk galego no que se combina gaita galega, ocarina, zanfona, harpa, clavecín ou frautas.