O festival, ademais, continuará artellándose sobre a música e fusionándose cunha serie de experiencias que permitirán ao visitante vivir Nigrán no sentido máis amplo do termo: terán á súa disposición dende xogos ao aire libre ata unha gran oferta culinaria a cargo de foodtrucks, un mercadiño, sesións DJ, obradoiros, charlas… Un sinfín de actividades que debuxan un «picnic pop festival» de cultura creativa, unha filosofía e un estilo de vida para que todos os públicos poidan gozar intensamente Nigrán dende a mañá ata a noite. E todo iso nun espazo máxico e co que mantén un compromiso de emprazamento: fronte ao Atlántico, co perfil das illas Cíes ao fondo, nun extremo de Praia América-Lourido (un areal dos máis aplaudidos de todo o litoral galego pola súa extensión, area fina e de augas case transparentes) e ao pé da península de Monte Lourido.
As persoas interesadas en adquirir as súas entradas xa poden facelo a través da propia web do festival, www.vivenigran.com, gozando dunha primeira promoción coa que se poden adquirir os primeiros cen abonos de dous dúas por 18 €.
MUEVELOREINA | Este dúo residente en Valencia formado por Karma Cereza e Joaco J. Fox deuse a coñecer debido aos vídeos de cancións con sons pegadizos (mestizaxes de ritmos latinos e electrónicos), con contidos líricos, punzantes e críticos cos males da sociedade. Son moi eclécticos e por iso é polo que é tan complicado etiquetarlos nun estilo, aínda que eles definen o que fan como ‘música electrapical’ (electrónica, trap, e tropical).
DEPEDRO | Jairo Zavala actuará en Nigrán coa súa banda completa nun concerto moi especial pensado para que o gocen persoas de todas as idades no que interpretará un repertorio que incluirá temas clave dos seus catro discos de estudo, presentando especialmente o seu último traballo, «El pasajero». Trátase dun disco calado pero cheo de sons, un disco sinxelo pero cargado de mundos, un disco contido pero infinito, un disco onde non sobra nada, un disco máxico ás veces, diferente a case todo o que escoitamos, un disco que crea a súa propia linguaxe sonora e literario cheo dunha profundidade e beleza, absolutamente emocionantes e transformadoras.
BIGOTT | Bigott é o nome elixido polo zaragozano Borja Laudo para este proxecto musical, cheo de luminosas melodías e coloridos sons de guitarra. O artista chegará a Nigrán co seu noveno álbum, «Candy Valley», un disco impregnado dunha enerxía vibrante, cancións curtas, directas e melodías marabillosamente pegadizas. «Candy Valley» é punk, baile, alegría e diversión, composicións xeniais traducidas dun modo inmediato e certeiro; un disco que reivindica a frescura do real e a súa enerxía Lo- Fi de primeira clase.
ESTEBAN & MANUEL | Armados coa súa caixa de ritmos, teclado e guitarra, Esteban & Manuel comezaron a xirar co seu primeiro disco, «La banda sonora de tu día a día», o pasado verán ao longo de toda a xeografía galega. Participaron na terceira edición do ciclo de concertos Encarta (Bilbao, Meyo Records) xunto a Presidente Indio e Pedro Ladroga, actuaron no Monkey Week con dous concertos memorables, e formaron parte da festa de fin de xira de Novidades Carmiña na Sala Capitol (Santiago de Compostela). A banda gusta a públicos de todas as idades, facendo bailar por igual a mozas e maiores cun estilo que bebe de ritmos latinos como a cumbia ou o merengue.